Falta de profesorado, masificación nas aulas, falta de medios e caos
educativo derivado pola aplicación da LOMCE en Galiza -que provocou que
as materias e horarios non foran coñecidos até o comezo de curso- son
algunhas das razóns que levaron a Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público a concentrarse esta mañá diante da Consellaría de Educación.
Unha concentración á que se sumaron nais, pais e alumnado de centros
como o CPI de O Pino ou do CEIP de Vite, na que se alertou do avance da
privatización do ensino público e a cada vez maior desgaleguización e
confesionalidade do sistema educativo galego.