Máis de dúas mil persoas participan nas concentracións en contra dos recortes convocados pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público


Santiago, Ferrol, Ourense, Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, A Guarda, Verín, Vilagarcía, Foz, Ribeira e Barco de Valdeorras acolleron as mobilizacións da comunidade educativa
Con consignas como “Fagámonos fortes contra os recortes” ou “a educación non é negocio, é inversión”,  máis de 2.000 persoas quixeron sumarse hoxe ás trece concentracións comarcais convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para demandar o cese dos recortes no ensino público galego. Pais e nais, alumnado e docentes esixíronlle á  Xunta de Galiza que non aplique as medidas  aprobadas polo Goberno do Estado e que recorra o  Real Decreto-Lei 14/2012 por invadir as súas competencias en materia educativa.
Coas concentracións -que se fixeron en Santiago, Ferrol, Ourense, Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, A Guarda, Verín, Vilagarcía, Foz, Ribeira e no Barco de Valdeorras- a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público quere denunciar que o ensino público xa está padecendo os recortes aplicados nos últimos cursos e que estas medidas o que buscan é  reducir o profesorado dos centros (despedindo miles de docentes), incrementar o número de alumnado por aula (masificando as aulas), reagrupar alumnado de diferentes niveis educativos nunha mesma aula e reducir a oferta educativa. “Todas estas medidas dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e significan maior fracaso escolar”, recolle o Manifesto da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. 
Co ánimo de frear os continuos ataques ao ensino público, a Plataforma  Galega en Defensa do Ensino Público apoia a folga convocada polos estudantes para o próximo xoves 10 de maio e fai un chamamento a participar ese mesmo día nas manifestacións convocadas ás 12:00 horas en Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra, Burela, Verín e Vilagarcía. Así mesmo o 14 de maio iniciará peches rotativos nos centros educativos e o 3 de xuño esta prevista unha manifestación en defensa da sanidade e do ensino público. A Plataforma tamén lle solicitou aos Consellos Escolares e Claustros a que aproben resolucións de apoio ao ensino público.
A Plataforma  Galega en Defensa do Ensino Público Galego, constituída en autoconvocatoria o pasado 25 de abril, está integrada por representantes da  comunidade educativa galega, pais e nais, profesorado e alumnado, a través de diferentes entidades (organización sindicais do ensino, ANPAS, movementos de renovación pedagóxica, organización estudantís, partidos políticos …) e permanece aberta a novas adhesións individuais e colectivas que poden formalizarse no enderezo electrónico http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com.es/
Compostela, Venres 11 Maio 2012