Confírmase o éxito do boicot ás reválidas: máis dun 80% en 6º de Primaria e un 96% en 4º da ESOsecundan a protesta convocada pola Plataforma Galega

A resposta ten maior relevancia dada a decisión da Consellaría de estender a un 130% mais de centros a proba nestes cursos, deturpando o suposto carácter mostral da probas que a propia Consellaría vende.

A chamada daPlataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que forma parte a CIG-Ensino, animandoa non baixar a garda ante a convocatoria das reválidas impostas pola LOMCE en 450 centros galegos entre hoxe e mañá, tivo unha resposta case unánime por parte das familias. 

Despois de máis dun 80% de seguimento nas reválidas de 3º de EP, no día de hoxe o boicot foi aínda maior tanto en 6º de Primaria como en 4º da ESO. No caso da proba final de 6º superouse novamente o 80% e no caso do alumnado da ESO o boicot chegou ao 96%, o que demostra o alto nivel de concienciación da sociedade galega contra a peor lei educativa imposta unilateralmente polo partido corrupto que a día de hoxe aínda segue á fronte do goberno español. 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público congratúlase de que o boicot sexa masivo no noso país e que ademais esta mobilización sexa moi superior ao que acontece no resto do Estado. Este feito amosa un grao moi importante de implicación da nosa sociedade e a confirmación de que é necesario que as organizacións que levamos anos loitando contra a LOMCE manteñamos o pulso e a iniciativa para derrubar esa lei e toda a política hostil do PP contra a educación.