A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público súmase ao manifesto contra o delito de desordes públicas agravadas

 

Unha representación da Plataforma estivo presente na rolda de prensa na que diferentes colectivos alertaron do ataque aos dereitos democráticos e das liberdades públicas presente na reforma do código penal.

Sen ter que botar a ollada moi atrás, calquera pode lembrar accións reivindicativas promovidas por organizacións sindicais, plataformas cidadás ou asociacións nas que se teñen realizado actos de protesta que comportaban ocupación de espazos públicos ou privados, encadeamentos como forma de protesta ou cortes da vía pública.

Xunto a isto anunciaron a convocatoria de concentracións para o mércores 14 de decembro, ás 19:30 horas nas sete cidades diante das subdelegacións do goberno na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; en Ferrol, na praza Amada García; en Vigo diante do Marco e en Compostela na praza Roxa.

A Plataforma en Defensa do Ensino Público promoveu durante a tramitación e posterior vixencia da LOMCE diferentes manifestacións e boicots. A CIG-Ensino pechouse en dúas ocasións nos últimos anos no interior de San Caetano. A CIG, nun  marco de crecente conflitividade social ten convocado innúmeras xornadas de folga que, nalgunhas ocasións, se teñen saldado con intervencións desproporcionadas das forzas de orde pública, noutras con peches en fábricas, empresas, etc..

Estamos nun momento no que o actual goberno de PSOE e Unidas Podemos non só non deu un só paso para derrogar a Lei Mordaza senón que presenta unha reforma do código penal que, xunto coa medida positiva da eliminación do delito de sedición, introduce un  endurecemento da regulación dos delitos por desordes públicas, o que abre as portas a que moitas condutas  encaixadas con normalidade no dereito de manifestación pasen a seren consideradas delituosas, con sancións e penas aínda máis elevadas do que son na actualidade, no que implicaría un ataque ás liberdades públicas e aos dereitos democráticos.

Condutas como as descritas anteriormente ou outras como protestas que poidan levar a cabo unha ANPA dun centro ou o claustro de profesorado por un recorte de docentes ou calquera outro tema, poderían entrar nun risco de penalización en función de, por exemplo, a presunción de veracidade que ten un atestado policial de se producir algunha alteración que fose denunciada como altercado ou na que se afirmase ter actuado con “intimidación”.

Diante da enorme preocupación que reformas como a prevista produce en organizacións sindicais como a CIG-Ensino ou asociación de pais e nais agrupadas en ANPAS GALEGAS, ou estudantado vinculado ao sindicato ERGUER, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público sumouse ao manifesto promovido por unha serie de organizacións que no día de hoxe, 9 de decembro, fixeron público o seu rexeitamento a un agravamento e endurecemento do delito de desordes públicas que poida coartar dereitos fundamentais como o de manifestación ou o de participación política.

MANIFESTO POLA DEFENSA DOS DEREITOS DEMOCRÁTICOS E DAS LIBERDADES PÚBLICAS

O debate sobre a derrogación do delito de sedición esta inzado de armadillas. Por unha parte, proponse eliminar a persecución penal de condutas pouco encaixábeis na realidade social actual mais, por outra, endurece a regulación dos delitos de desordes públicas, colisionando cos dereitos fundamentais de participación política.   Do punto de vista dunha posición antipunitivista e dun dereito penal de mínimos, a eliminación de delito de sedición non ofrece dúbidas. A sedición presenta unha penalidade desproporcionada en que a cualificación é vinculada a concretas finalidades típicas (impedir a aplicación das leis ou o exercicio das funcións da autoridade). Existe un risco permanente de que moitas condutas susceptíbeis de se manifestaren nunha protesta, non necesariamente violentas, sexan cualificadas como sedición, nomeadamente cando as accións de desobediencia teñen  elevado seguimento popular. Por todo o anterior, a súa derrogación non pode ser cualificada doutra forma que positiva e conforme á necesidade de revisión do Código Penal.

Ora, coa escusa da eliminación do tipo de sedición, a proposición de lei orgánica do PSOE e Unidas Podemos non só mantén os tipos xa existentes, senón que pretende introducir un tipo agravado absolutamente innecesario, que torna delituosas (coa posibilidade de sancionar con maior pena) condutas que deberían entenderse comprendidas fundamentalmente dentro do dereito de manifestación.

Cómpre non esquecer  que a actual regulación de desordes publicas xa é de gran dureza. O tipo básico deste delito, que se mantén coa proposición de lei orgánica, sanciona con penas de seis meses a tres anos de prisión a comisión deste. Por se non for suficiente, agora a regulación complétase cun precepto que penaliza formas frecuentes de protesta pacifica ou desobediencia civil; tales como “invadir ou ocupar” locais ou espazos públicos ou privados,  -despachos, oficinas, edificios- mesmo que for sen violencia nin intimidación, que “causen unha perturbación relevante para a paz pública e a súa actividade normal”. 

Formas de expresión da protesta social e política son, por tanto, criminalizadas e poden ser sancionadas penalmente, máxime tendo en conta o habitual maioritario comportamento pouco democrático da xudicatura do estado español. De maneira que moitas accións de protesta tradicionais, cívicas e pacíficas -ocupacións, encadeamentos, cortes de vías públicas... agora poderían ser duramente sancionadas.

Para alén do máis, é introducido como determinante o concepto de ‘intimidación’. Este concepto é altamente subxectivo e, por tanto, pode permitir unha maior incriminación, dependendo da credibilidade que dea o xuíz ou xuíza a que presenta a denuncia. É preciso ter en conta que se a denunciante for a policía, a “presunción de veracidade” desta actúa en contra da persoa denunciada.

Mais non é só a ‘intimidación’. A nova proposta substitúe o termo 'alzamento tumultuario” da antiga sedición por 'multitude', elemento normativo tamén de moi difícil concreción. Aliás, outros conceptos esenciais para entendermos se a conduta é delituosa ou non, tales como 'paz pública' ou 'ocasione perigo para a vida ou a saúde das persoas’ dependen, infelizmente, do que recolla o atestado policial e da interpretación das forzas de seguridade do Estado, que adoitan ser acollidas acriticamente polos órganos xurisdicionais e van ser dificilmente impugnábeis polas defensas perante os tribunais penais.  

O emprego excesivo destes conceptos xurídicos indeterminados vai en detrimento do principio de legalidade e posibilita a arbitrariedade na criminalización de accións que forman parte do dereito de protesta, de accións habituais que sempre foron empregadas para conquistar e dereitos sociais, políticos e laborais.

Por todo o anterior, a derrogación do delito de sedición non debería supor un novo marco normativo de endurecemento do delito de desordes públicas, que previsibelmente funcionará para coartar dereitos fundamentais como o de manifestación ou o de participación política e para ampliar e estender a represión contra calquera actuación de disidencia política ou de malestar e protesta social. Por tanto, é unha norma regresiva que debe ser rexeitada no que vaia alén da mera derrogación do delito de sedición.