A Plataforma Galega en defensa do ensino público chama a toda a comunidade educativa a manifestarse contra os recortes o próximo 26 de outubro

A mobilización terá lugar en Compostela con saída ás 12 da Alameda e haberá servizo de autobuses desde distintas partes do país

A decisión vén motivada por un inicio de curso convulso, marcado polo contraste entre a propaganda da Consellaría e as protestas máis numerosas dos últimos anos protagonizadas polas ANPAs e polos centros educativos ante a falta de profesorado, sobre todo de especialistas para a atención á diversidade nos colexios de infantil e primaria, así como pola desatención absoluta ás demandas de alumnado e profesorado dos centros de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial. As organizacións convocantes queren pór de manifesto que a situación do ensino público non fixo máis que deteriorarse nos últimos anos con menos docentes (desmontando as cifras da Consellaría), máis materiais afíns e docentes compartidos por varios centros, menos especialistas para a atención á diversidade, máis burocracia e menos recursos públicos.

Nunha rolda de prensa esta mañá as organizacións que conforman a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, CIG-Ensino, ANPAS Galegas, ERGUER, Asociación Socio-Pedagóxica Galega /AS-PG), BNG e Galiza Nova, fixeron pública a convocatoria dunha gran manifestación nacional o próximo sábado, 26 de outubro, á que está chamada a participar toda a comunidade educativa: familias, estudantado e profesorado e para a que se facilitará o servizo de transporte desde distintos puntos do país. A situación este inicio de curso, segundo relataron representantes destas entidades, “está sendo caótica, inzada de propaganda e cunha falta de persoal e recortes que afecta a cando menos medio milleiro de centros educativos, é dicir case a metade dos centros públicos existentes no país. Esta cifra constátase despois de que a CIG-Ensino, sindicato maioritario, recollese nos últimos días incidencias de falta de persoal en máis de 120 centros, maiormente colexios de infantil e primaria, e de que os centros de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial nos últimos anos non fixeron máis que ver como se reducían os seus cupos, se amortizaban xubilacións e se estendía a práctica de que o profesorado cada vez máis imparta materias das que non é especialista para completar o seu horario lectivo que segue a ser xunto co de Madrid o único que se mantén nos 20 períodos lectivos semanais desde os recortes da época de Rajoy”, indicou Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. 

“A realidade dos centros non fai máis que desmontar a propaganda da administración”, indicou pola súa banda Isabel Calvete, presidenta de ANPAS Galegas, que relatou como foron numerosas as protestas protagonizadas en todas as comarcas galegas este comezo de curso. “Desdobres non autorizados en aulas que superaban abertamente as ratios máximas, incremento da matrícula nos cursos que xa tiñan entre 20 e 25 estudantes, non computar como dobre ou triple o alumnado con trastorno de conduta, discapacidade ou dependencia, aulas con nenos de distintos niveis ou idades nas que non se cumpren as ratios máximas, falta de profesorado especialista, sobre todo de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e orientación, que cada vez máis teñen que compartir varios centros ou se contratan a media xornada, así como falta de persoal coidador. Estas son as eivas que detectamos con máis intensidade este ano, polo que todo o que se diga desde San Caetano as familias saben perfectamente que non é certo. Ademais as Anpas por primeira vez en moito tempo atopámonos coa censura e ocultación de información, dado que os equipos directivos dicíannos que non nos podían dar datos por orde das inspeccións. Está claro que o benestar dos nosos fillos e fillas é o que menos interesa”, sinalou Calvete.

Os efectos sobre o alumnado son, evidentemente o máis preocupante de todos os recortes que se veñen aplicando desde hai anos e que se intensifican neste curso. Unha situación que non só se produce co alumando do ensino obrigatorio senón tamén co postobrigatorio. Neste sentido, Artai Gavilanes, representante de Erguer, sindicato estudantil, puxo o acento na situación que se vive en varios IES de vilas nos que non se permite cursar materias optativas de Bacharelato con carácter presencial pola insuficiente dotación de profesorado, obrigando o estudantado a cursalas na modalidade a distancia, unha situación que se produce tanto no 1º curso como en 2º, cando esas materias son continuidade das mesmas cursadas presencialmente no curso anterior e nun ano no que deben afrontar a proba de acceso á universidade. O aumento da oferta de FP que se observa nestes últimos anos, cun medre exponencial da oferta privada en detrimento da pública, moito menor, tamén centrou as críticas de ERGUER, reclamando “que se impulse unha maior oferta gratuíta nos centros públicos e cunha política de axudas para o alumnado que, en moitos casos, debe desprazarse fóra do seu domicilio e soportar uns gastos e pagar uns alugueres que supoñen unha enorme dificultade e un impedimento para moitas familias”.

A este respecto Suso Bermello lembrou as denuncias feitas pola CIG-Ensino sobre os anuncios e o que cualificou como Plan Mega-Trola da Consellaría. “Este curso académico houbo 80 prazas menos de PT e AL que o pasado e máis de 30 prazas de atención preferente, aquelas que piden os centros para atender a un alumno ou alumna con necesidades específicas de apoio educativo, quedaron sen atender. Despois vemos como o que un día se denomina Plan Promociona e outro Plan Mega non son en realidade programas propios da Consellaría senón financiados pola UE para precisamente garantir unha educación máis inclusiva. A Consellaría desde o noso punto de vista, e acabamos de presentar un recurso por este tema, está empregando estes fondos -máis de 18 millóns de euros en total- de forma fraudulenta porque moitas destas persoas están asumindo titorías ou impartindo inglés ou educación física, por exemplo, cando non están concibidos para este fin. É evidente que este perfil de profesorado era necesario e que debera ser contratado como interino, con fondos propios da Consellaría e durante todo o curso e non desde o día 11 e cesado a 30 de xuño simplemente para aforrar cartos, uns cartos que deberían destinarse ao seu fin: o alumnado con necesidades educativas especiais”, explicou.

As organizacións convocantes coinciden en que o ensino público galego está a deteriorarse e que é preciso unha reacción conxunta e contundente de toda a comunidade educativa, que non acepta parches nin remendos e na que se unan todas as reivindicacións, de todas as etapas educativas, de todos os colectivos. “Isto é especialmente importante porque a Consellaría tamén xoga á estratexia de dividir, de que cada centro teña que pelexar pola dotación de máis persoal de forma individual, de que as necesidades nunhas etapas educativas poden ser diferentes ás doutras polo propio perfil do alumnado, pero na marcha do día 26 hai un punto en común: a defensa do ensino público galego, desde os 3 anos ás ensinanzas postobrigatorias, e de aí que fagamos un chamamento a participar a toda a comunidade educativa e tamén a toda a sociedade, porque a educación pública é un tema transversal como o é a sanidade ou os servizos sociais”, sentenciaron.  

Cartaz en PDF