A Plataforma Galega en defensa do ensino público chama a toda a comunidade educativa a manifestarse contra os recortes o próximo 26 de outubro

A mobilización terá lugar en Compostela con saída ás 12 da Alameda e haberá servizo de autobuses desde distintas partes do país

A decisión vén motivada por un inicio de curso convulso, marcado polo contraste entre a propaganda da Consellaría e as protestas máis numerosas dos últimos anos protagonizadas polas ANPAs e polos centros educativos ante a falta de profesorado, sobre todo de especialistas para a atención á diversidade nos colexios de infantil e primaria, así como pola desatención absoluta ás demandas de alumnado e profesorado dos centros de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial. As organizacións convocantes queren pór de manifesto que a situación do ensino público non fixo máis que deteriorarse nos últimos anos con menos docentes (desmontando as cifras da Consellaría), máis materiais afíns e docentes compartidos por varios centros, menos especialistas para a atención á diversidade, máis burocracia e menos recursos públicos.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público súmase ao manifesto contra o delito de desordes públicas agravadas

 

Unha representación da Plataforma estivo presente na rolda de prensa na que diferentes colectivos alertaron do ataque aos dereitos democráticos e das liberdades públicas presente na reforma do código penal.

Sen ter que botar a ollada moi atrás, calquera pode lembrar accións reivindicativas promovidas por organizacións sindicais, plataformas cidadás ou asociacións nas que se teñen realizado actos de protesta que comportaban ocupación de espazos públicos ou privados, encadeamentos como forma de protesta ou cortes da vía pública.

O rexeitamento ás reválidas non decae despois de 5 anos

O boicot supera de novo o 80% nos centros públicos galegos
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público de Galiza (PGDEP) dá os parabéns as familias que fixeron un esforzo de conciliación e non enviaron masivamente hoxe aos centros ao alumnado.
Así mesmo, tamén agradece o apoio do profesorado e dos equipos directivos durante este boicot informando a comunidade educativa fronte á campaña de desmobilización da Consellaría de Educación.
Despois de cinco anos o rexeitamento á LOMCE e en concreto ás reválidas incluídas nesta lei volve ser practicamente unánime, aumentando o boicot a cifras superiores ao 80% de absentismo nestas probas, e moitas das familias que mandaron ás súas crianzas no día de hoxe foi pola imposibilidade de conciliar.
A comunidade educativa galega continúa sendo a avanzadilla contra esta norma.
O mantemento das reválidas por parte da Xunta de Galiza supón un gasto económico absolutamente innecesario que só beneficia a algunha empresa privada e para nada redunda nun beneficio para o sistema educativo galego, como si serían outras medidas como a recuperación do noso horario lectivo, ou a dotación de maior número de profesorado nos centros galegos para atender as necesidades educativas das nosas crianzas.



A Plataforma Galega insiste no boicot contra as reválidas de Primaria e ESO

Denuncia que o Partido Popular segue “R que R” cunha lei que ten os días contados.
A Plataforma anima a darlle continuidade ao éxito do boicot de cursos anteriores e a non baixar a garda na loita contra a LOMCE mentres o Partido Popular non asuma, como xa fan outras comunidades, o fin da mesma.
A loita contra as reválidas nestes cursos pasados causou como reacción un auténtico exercicio de cinismo por parte de Consellaría e chega este ano xa ao absurdo do “R que R”, posto que os resultados electorais da pasada fin de semana deixan claro o fin da LOMCE.
As reválida en 3º de primaria, fixada para os días 28 e 29 de maio, terá carácter censual polo que estaría chamado a facelo todo o estudando deste nivel. No caso das avaliacións finais de Primaria e a ESO, tamén nos días 28 e 29  de maio, terán un carácter mostral e neste momento descoñécese o número de centros propostos así como os supostos criterios para seleccionalos.
Non se entende por parte da Plataforma que a Consellaría siga a dilapidar cartos públicos na realización dunhas probas que non teñen ningún percorrido nin resultado de relevancia, ao tempo que os problemas que acusa a educación no noso país seguen lastrando toda posíbel recuperación, tanto no número de profesorado, como na resposta ás súas demandas ou na redución das rateos ou a mellora da atención á diversidade. 
A Plataforma Galega fai unha defensa a ultranza da avaliación continua fronte ao modelo neoliberal, xerarquizante e clasista da LOMCE e defende unha educación integral na que non existan materias de primeiro e segundo nivel e onde o alumnado, especialmente aquel con necesidades específicas de apoio educativo, non sexa segregado nin estandarizado.
Xa son horas de avaliar a Consellaría.
A Plataforma Galega propón avaliar o funcionamento do propio sistema educativo en base ao diñeiro e recursos destinados á educación no marco dos orzamentos da Xunta, os cadros de persoal co que dota os centros públicos, os profesionais destinados á atención a diversidade, á obriga de impartir materias afíns, o agrupamento de alumnado de diferentes idades, a política de axudas para libros de texto e de material escolar, a xestión do transporte escolar ou ao pagamento polo uso do comedor escolar.
O resultado desta avaliación sería claro: un clamoroso suspenso para o goberno do Partido Popular en Galiza.

Faite do Ensino Público

A Plataforma Galega inicia unha campaña para promover a matrícula nos centros públicos.


Co lema “Faite do ensino público” chaman a apostar pola rede pública como mellor ferramenta de equidade e cohesión social.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público inicia unha campaña social de fomento das matriculacións nos centros educativos públicos do país coincidindo co período ordinario de novas matrículas, que correrá entre o 1 e o 20 do mes de marzo. A campaña, baixo o lema “FAITE DO ENSINO PÚBLICO”centrarase nos propios centros educativos, nas ANPAs e no tecido asociativo do país. A Plataforma chama igualmente aos concellos a sensibilizar a pais e nais das vantaxes que ofrece o ensino público e a promover un ensino público e de calidade, ao tempo que critica que a propia Xunta de Galiza non execute ningunha campaña neste sentido cando estamos a falar de centros de titularidade da propia administración autonómica.

Confírmase o éxito do boicot ás reválidas: máis dun 80% en 6º de Primaria e un 96% en 4º da ESOsecundan a protesta convocada pola Plataforma Galega

A resposta ten maior relevancia dada a decisión da Consellaría de estender a un 130% mais de centros a proba nestes cursos, deturpando o suposto carácter mostral da probas que a propia Consellaría vende.

A chamada daPlataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que forma parte a CIG-Ensino, animandoa non baixar a garda ante a convocatoria das reválidas impostas pola LOMCE en 450 centros galegos entre hoxe e mañá, tivo unha resposta case unánime por parte das familias.