A Plataforma Galega inicia unha campaña para promover a matrícula nos centros públicos.
Co lema “Faite do ensino público” chaman a apostar pola rede pública como mellor ferramenta de equidade e cohesión social.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público inicia unha campaña social de fomento das matriculacións nos centros educativos públicos do país coincidindo co período ordinario de novas matrículas, que correrá entre o 1 e o 20 do mes de marzo. A campaña, baixo o lema “FAITE DO ENSINO PÚBLICO”centrarase nos propios centros educativos, nas ANPAs e no tecido asociativo do país. A Plataforma chama igualmente aos concellos a sensibilizar a pais e nais das vantaxes que ofrece o ensino público e a promover un ensino público e de calidade, ao tempo que critica que a propia Xunta de Galiza non execute ningunha campaña neste sentido cando estamos a falar de centros de titularidade da propia administración autonómica.