A Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público esixiu este martes 2 de decembro en rolda de prensa solucións
para as diferentes problemáticas que inciden negativamente na boa marcha
do curso escolar e que están a supor un deterioro do ensino público. A
Plataforma Galega en Defensa do Ensino advertiu que os orzamentos da
Consellaría de Educación para o ano 2016 non van resolver as carencias
que existen, insistiu na necesidade dun novo modelo de xestión do
comedores escolares e demandoulles ás diferentes organizacións políticas
que se presentan ás eleccións xerais o compromiso de derrogar a LOMCE.
A PGDEP tamén anunciou a súa participación na cadea humana que se vai
realizar en Malpica o 12 de decembro ás 12:00 horas para defender unha
nova regulación da atención educativa domiciliaria que fixe dereitos e
obrigas para a administración.
Para a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
corrobórase a necesidade doutro modelo de comedores escolares
xestionados directamente pola Consellaría de Educación. Anxo Louzao en
representación da Plataforma, referiuse tamén á problemática derivada
da improvisación que caracteriza a aplicación da LOMCE e fixo un
chamamento a todas as organizacións políticas que concorran ás eleccións
para que sitúen como elemento fundamental entre as súas propostas a
eliminación desta lei.