A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público inicia o luns 14 en Santiago os peches rotativos en contra dos recortes no ensino público


A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público comeza en Santiago, o próximo luns 14 de maio, una serie de peches rotativos en centros educativos para manifestar o rexeitamento da comunidade educativa ao RD Lei 14/2012, publicado polo Goberno do Estado, esixir da Consellaría de Educación que non aplique en Galiza ningún dos recortes que contén e que o recorra por invadir as competencias que en materia educativa ten a Xunta de Galiza. Os peches terán continuidade en toda Galiza nas seguintes datas e lugares:
Santiago (14 de Maio), Ferrol (15 de Maio),Verín (18 de Maio),Vigo (21 de Maio), A Coruña (22 de Maio), Pontevedra (23 de Maio), Lugo (24 de Maio), Burela (25 de Maio), O Morrazo (29 de Maio), A Guarda (30 de Maio), Carballo (31 de Maio), Ourense (1 de Xuño)
Para a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, os recortes propostos, de levárense a cabo, suporán:
Incrementar as ratios a 30 alumnos/as en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato. Esta medida provocará a masificación das aulas, impedirá unha atención personalizado do alumnado e atender as necesidades educativas específicas, e suporá menor calidade do ensino e maior fracaso escolar.
Impor unha xornada lectiva semanal mínima para o profesorado de 25 horas en Primaria e 20 en Secundaria. Isto traducirase, entre outras consecuencias, en que o profesorado terá que impartir materias das que non é especialista, completar horario noutros centros, incrementando as itinerancias, e dificultará a realización doutras funcións necesarias para o funcionamento do centro e para a mellora da calidade do ensino.
Non substituír o profesorado de baixa. Será un prexuízo para o centro e para o alumnado que as baixas non se cubran até que pasen catorce días (dez días lectivos). Os centros verán alterado o seu plan de traballo cada vez que se produza unha baixa e o alumnado terá que ser atendido por profesorado de diferentes especialidades á do substituído/a, conculcando o dereito á educación do propio alumnado.
Eliminar o requisito de ofertar dúas modalidades de bacharelato. Isto ten graves consecuencias na formación do alumando que deberá desprazarse cando non conte na súa localidade coa modalidade de bacharelato que quere cursar. Esta medida afasta os servizos dos ámbitos non urbanos, detraendo aínda máis poboación ao rural, e reduce o acceso ao ensino superior, pois non todo o alumnado estará en condicións de custearse os desprazamentos, o que incrementará o abandono escolar e dificultará que cursen os estudos desexados.
Adiar a implantación de ciclos de formación profesional. O atraso da posta en marcha destes ciclos prexudica gravemente as persoas que, precisamente nun momento de crise económica, buscan unha mellor e máis actualizada formación, entre elas moitas persoas paradas.
Incrementar as taxas universitarias. Trátase dunha suba desorbitada, que pode superar o 50% e que se fixará en función do custo das titulacións. Isto achegará o prezo das matrículas ao que hai nas universidades privadas e impedirá que as universidades públicas continúen a cumprir o papel de inclusión e igualdade social.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público rexeita estes recortes, denuncia que con eles se ataca gravemente o ensino público e a súa calidade, así como o dereito de igualdade de oportunidades do alumnado, que aumentará o fracaso escolar e despedirá máis de 2000 profesores/as. Por todo isto, esixe que o Goberno galego actúe como tal e non se someta a decisións que van en contra do ensino galego, que se negue, rotunda e publicamente, a aplicar calquera das medidas contidas no RD Lei 14/2012 e que presente recurso por invasión de competencias.
Santiago 11 de maio de 2012

Máis de dúas mil persoas participan nas concentracións en contra dos recortes convocados pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público


Santiago, Ferrol, Ourense, Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, A Guarda, Verín, Vilagarcía, Foz, Ribeira e Barco de Valdeorras acolleron as mobilizacións da comunidade educativa
Con consignas como “Fagámonos fortes contra os recortes” ou “a educación non é negocio, é inversión”,  máis de 2.000 persoas quixeron sumarse hoxe ás trece concentracións comarcais convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para demandar o cese dos recortes no ensino público galego. Pais e nais, alumnado e docentes esixíronlle á  Xunta de Galiza que non aplique as medidas  aprobadas polo Goberno do Estado e que recorra o  Real Decreto-Lei 14/2012 por invadir as súas competencias en materia educativa.
Coas concentracións -que se fixeron en Santiago, Ferrol, Ourense, Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, A Guarda, Verín, Vilagarcía, Foz, Ribeira e no Barco de Valdeorras- a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público quere denunciar que o ensino público xa está padecendo os recortes aplicados nos últimos cursos e que estas medidas o que buscan é  reducir o profesorado dos centros (despedindo miles de docentes), incrementar o número de alumnado por aula (masificando as aulas), reagrupar alumnado de diferentes niveis educativos nunha mesma aula e reducir a oferta educativa. “Todas estas medidas dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e significan maior fracaso escolar”, recolle o Manifesto da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. 
Co ánimo de frear os continuos ataques ao ensino público, a Plataforma  Galega en Defensa do Ensino Público apoia a folga convocada polos estudantes para o próximo xoves 10 de maio e fai un chamamento a participar ese mesmo día nas manifestacións convocadas ás 12:00 horas en Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra, Burela, Verín e Vilagarcía. Así mesmo o 14 de maio iniciará peches rotativos nos centros educativos e o 3 de xuño esta prevista unha manifestación en defensa da sanidade e do ensino público. A Plataforma tamén lle solicitou aos Consellos Escolares e Claustros a que aproben resolucións de apoio ao ensino público.
A Plataforma  Galega en Defensa do Ensino Público Galego, constituída en autoconvocatoria o pasado 25 de abril, está integrada por representantes da  comunidade educativa galega, pais e nais, profesorado e alumnado, a través de diferentes entidades (organización sindicais do ensino, ANPAS, movementos de renovación pedagóxica, organización estudantís, partidos políticos …) e permanece aberta a novas adhesións individuais e colectivas que poden formalizarse no enderezo electrónico http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com.es/
Compostela, Venres 11 Maio 2012