A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público realizou hoxe una parodia sobre a situación que se vai dar nas aulas galegas con motivo do inicio do curso escolar, con máis alumnado nas aulas e menos profesorado nos centros. O acto coincide co arranque do curso en Secundaria, con perto de 1.000 profesores menos.
A falta de profesorado foi unha das cuestións que os membros da Plataforma puxeron en evidencia coa representación teatral humorística pero tamén se fixo referencia a outras cuestións como á masificación das aulas, a falta de especialistas ou o apoio da Xunta a centros privados concertados relixiosos ou mesmo que segregan alumnado por razóns de xénero mentres se recortan os medios para o ensino público.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público esixiu que a Consellaría de Educación rectifique e que cese nos seus ataques ao ensino público, ataques que se concretan, entre outros, nos seguintes recortes:
- Incremento das rateos e masificación das aulas.
- Agrupamento, nunha mesma aula, de alumnado de diferentes idades, cursos e niveis.
- Supresión de 132 unidades, 12 centros e 199 postos de traballo de Educación Infantil e Primaria.
- Imposición dunha xornada lectiva semanal mínima para o profesorado de 25 horas en Primaria e 20 en Secundaria, o que vai ter como consecuencia que o profesorado terá que impartir materias das que non é especialista para completar horario.
- Non substitución do profesorado de baixa até que transcorran 10 días lectivos, é dicir, dúas semanas, o que supón conculcar o dereito á educación do alumnado e alterar o plan de traballo dos centros.
- Carencia de postos de Formación Profesional que impiden o acceso dun número importante de alumnado aos estudos de Formación Profesional, o que prexudica gravemente as persoas que, precisamente nun momento de crise económica, buscan unha mellor e máis actualizada formación, entre elas moitas persoas paradas.
- Redución do profesorado nos centros o que comporta o abandono da atención á diversidade e ao alumnado con necesidades educativas especiais.
- Ampliación a 30 alumnos ou alumnas por aula nos programas de cualificación profesional inicial. Incremento das taxas universitarias, con subas que poden superar o 50% o que xa tivo como consecuencia o abandono de moitos mozos e mozas dos estudos que estaban ao realizar, pois tamén se endureceron as condicións para ao acceso a bolsas de estudos. Insuficiente oferta de prazas de comedores escolares e incremento do gasto escolar das familias.
Podedes ver outros fragmentos da parodia nas seguintes ligazóns:
http://www.youtube.com/watch?v=c7hFJfLc9ZI&feature=youtube_gdata_player
http://www.youtube.com/watch?v=kRGaCueSGuA&feature=youtube_gdata_player
http://www.youtube.com/watch?v=cVqwtVPO5WQ&feature=youtube_gdata_player