Presentación Pública da Plataforma


Preséntase a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público con representantes de pais e nais, alumnado e profesorado e anuncia mobilizacións en contra dos recortes

Ten previsto realizar concentracións comarcais o 8 de maio, peches rotatorios e unha manifestación nacional o 3 de xuño, entre outras accións
Hoxe, 27 de abril, presentouse en Santiago a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, constituída o pasado día 25 con representantes da  comunidade educativa galega, pais e nais, profesorado e alumnado, a través de diferentes entidades (organización sindicais do ensino, ANPAS, movementos de renovación pedagóxica, organización estudantís, partidos políticos …) co obxectivo de manifestar o rexeitamento da comunidade educativa galega ao Real Decreto-Lei 14/2012, publicado polo goberno do Estado,  esixir da Consellaría de Educación que non aplique en Galiza ningún dos recortes contidos no RD Lei e que o recorra por invadir as competencias  que en materia educativa ten a Xunta  de Galiza. 
Na rolda de prensa celebrada hoxe estaban presentes Xoán Costa, da AS-PG, Daniel Candán, dos Comités de Estudantes, Carme Adán, do BNG, Anxo Louzao, da CIG-Ensino, Fernando Lacazi, da Federación de ANPAS de Compestela, Javier Sánchez, das ANPAS de Ferrolterra, Iria Aboi, de Galiza Nova e Anxo Teixeiro, da Liga Estudiantil. Tamén amosaron a súa adhesión ANPAS do Baixo Miño. Os representantes das organizacións, presentes na rolda de prensa, fixeron público o manifesto da  Plataforma e explicaron que permanece aberta á incorporación de todas as entidades que teñen que ver co ensino público e queiran sumarse. 
Como primeiras accións xa se acordaron a celebración de concentracións comarcais simultáneas o 8 de maio, ás 19:00 horas, instar aos consellos escolares e aos claustros de profesores a aprobar resolucións de apoio ao ensino público, solicitar entrevistas cos grupos parlamentares, apoiar a folga convocada polas organizacións estudantís na Universidade, o día 10 de maio, realizar peches rotatorios en todas as comarcas, que comezarían o día 14 de maio, e confluír xunto coa Plataforma en Defensa da Sanidade nunha manifestación nacional, o día 3 de xuño.