A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público incóalle un “expediente disciplinario” ao Ministro Wert



Representantes da Plataforma parodiaron o conselleiro de Educación, o ministro Wert, a igrexa e a patronal do ensino privado mediante a representación dun xuízo no que se volveu a esixir a retirada da LOMCE.


Integrantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público protagonizaron este mércores, 5 de xuño, diante da  Consellaría de Educación en San Caetano, unha nova mobilización en contra da LOMCE que neste caso consistiu na representación dun xuízo que rematou coa apertura dun expediente disciplinario ao Ministro Wert habida conta do seu “maltrato ao ensino público” e coa súa expulsión do Sistema Educativo.

Durante a representación do xuízo, membros da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público simularon as declaracións con cabezudos do conselleiro de Educación e o ministro Wert nun, nun xuízo no que a xuíza instrutora puido escoitar tamén os argumentos dos representantes da Igrexa e da patronal do ensino privado concertado que, caracterizados para ocasión, defenderon a xestión do Goberno central e galego.

Esta xestión foi cuestionada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que  falou en nome do profesorado, das nais e pais galegos e en nome do alumnado galego e que acusou ao ministro, con numerosos argumentos,  de promover unha lei clasista, españolizadora, reaccionaria, antidemocrática e confesional. Unha lei que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos.

Finalmente a “xuíza instrutora” resolveu que a LOMCE pretende acabar co ensino público, convertelo nun negocio e privatizalo. Elimina o ensino en galego para españolizar todo o currículo e reforza a confesionalidade. Estimou as acusacións feitas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, condenando o conselleiro e o ministro a abandonar o sistema educativo e a afastarse dos labores de goberno pola súa “manifesta incapacidade e agresión ao ensino público”.  
O acto rematou coa interpretación dunha coplas en contra da LOMCE elaboradas tamén para a ocasión pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.