A Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público anunciou este luns 8 de setembro en rolda de prensa que iniciará
as mobilizacións cunha concentración o 16 de setembro en Pereiro de
Aguiar coincidindo co a inauguración oficial do curso no colexio
Ben-Cho-Shey. A PGDEP repasou nesta rolda de prensa as carencias do
sistema educativo, moitas delas endémicas e que non son atendidas pola
Consellaría de Educación. O abandono, o desmantelamento e o decrecemento
da calidade no ensino público contrasta -denuncia a Plataforma- coa
potenciación que se fai do ensino privado concertado, incluso
subvencionando centros que segregan alumnado por sexo.
Os recortes tamén
se concretan no incremento dos agrupamentos de alumnado e a masificación
de aulas, como por exemplo no CEIP Maciñeira (Neda) no que xuntan dez
alumnos/as de 1º de primaria con doce de 2º curso. “Temos constancia
tamén de que non se cumpre co lexislado nos cadros de persoal de
infantil e primaria, con denuncias fundamentalmente na zona de
Pontevedra”, engadiu Louzao que puxo o exemplo do CPI Suárez Marquier do
Rosal no que a comunidade educativa xa anunciou mobilizacións.
A
isto súmanse os recortes en atención á diversidade xa que a Consellaría
reduce o profesorado con contratos a tempo total de Pedagoxía
Terapeútica, Audición e Linguaxe e Orientación ao suprimir prazas e
contratar docentes itinerantes que teñen que compartir docencia en
varios centros, o que vai impedir atender adecuadamente ao alumnado. É o
caso do centro Afonso Castelao de Rianxo.Louzao tamén fixo público que
“a Inspección Xefe da Coruña, incumprindo a lei, ten dado orde de que
se incrementen as rateos nun 10% por riba de 25 alumnos/as, en educación
infantil e por riba de 30, en educación infantil, para non facer
desdobres” . O tamén integrante da PGDEP, Cosme Pombo, insistiu na perda
de máis de 3000 prazas de docentes nos últimos anos polas raquíticas
ofertas de emprego público convocadas e porque nin sequera se cubre o
100% das xubilacións.
A estas incidencias súmase a existencia de
obras sen rematar nos centros ou que non se realizaron. A PGDEP denuncia
incidencias graves en centros de nova creación, como o IES de Sigüeiro,
no que a Consellaría de Educación non se fai cargo do comedor ou en
Betanzos no que o novo centro se adscribe ao que xa existía.
“Seguiremos
loitando po ter oportunidades para estudar”, dixo a estudante Antía
Baldeiro, da PGDEP, que criticou con dureza que se manteñan os concertos
que segregan alumnado por sexo e a redución de prazas públicas que se
produce no ensino público coa supresión dos PCPI e a posta en marcha da
formación profesional básica. Por parte das familias Elvira Lombao
subliñou que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público seguirá
esixindo a posta en marcha dun sistema de gratuidade de libros de texto
baseado no préstamo e que a Consellaría de Educación se faga cargo dos
servizos de comedor e actividades extraescolares, para garantir o acceso
de todo o alumnado e non só o de aquelas familias que o poden pagar.
A
falta de medios e recursos coincide coa aplicación da LOMCE que vai
incrementar as desigualdades, a privatización do ensino, a súa
confesionalidade, españolización e a liquidación da xestión democrática
dos centros. O lóxico sería que neste curso non se aplicara a LOMCE
defende a PGDEP que critica a vasalaxe do Goberno galego ao Ministerio e
que lembra a “chapuza” realizada pola Consellaría de Educación ao
publicar os currículos de Primaria en agosto sen ter sido ditaminados
polo Consello Escolar de Galiza.
A Plataforma advertiu ademais
que a inauguración oficial do curso vai ser nun centro, o Ben-Cho-Shey
de Pereiro de Aguiar, ao que se lle negou nos últimos anos a creación
dunha unidade namentres se manteñen dous centos concertados na mesma
localidade. A concentración do próximo 16 de setembro nesta localidade
ten como obxectivo visualizar as carencias do sistema educativo e será a
primeira das mobilizacións coas que a Plataforma Galega en Defensa do
Ensino Público continuará loitando neste novo curso contra a LOMCE e os
recortes.
Na rolda de prensa estiveron presentes Carme Vilariño da
AS-PG, Anxo Louzao da CIG-Ensino, Cosme Eladio Pombo do BNG, Brais
Fortes dos Comités, Antía Balseiro de Agir e Elvira Lombao da
Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL). A Plataforma esta
integrada tamén pola Liga Estudantil Galega, Federación de ANPA de
Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA
de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público,
Sindicato de Estudantes, Galiza Nova e a Federación de ANPA de
Ponteareas (FANPO).