A Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público esixiu este martes 2 de decembro en rolda de prensa solucións
para as diferentes problemáticas que inciden negativamente na boa marcha
do curso escolar e que están a supor un deterioro do ensino público. A
Plataforma Galega en Defensa do Ensino advertiu que os orzamentos da
Consellaría de Educación para o ano 2016 non van resolver as carencias
que existen, insistiu na necesidade dun novo modelo de xestión do
comedores escolares e demandoulles ás diferentes organizacións políticas
que se presentan ás eleccións xerais o compromiso de derrogar a LOMCE.
A PGDEP tamén anunciou a súa participación na cadea humana que se vai
realizar en Malpica o 12 de decembro ás 12:00 horas para defender unha
nova regulación da atención educativa domiciliaria que fixe dereitos e
obrigas para a administración.
Para a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
corrobórase a necesidade doutro modelo de comedores escolares
xestionados directamente pola Consellaría de Educación. Anxo Louzao en
representación da Plataforma, referiuse tamén á problemática derivada
da improvisación que caracteriza a aplicación da LOMCE e fixo un
chamamento a todas as organizacións políticas que concorran ás eleccións
para que sitúen como elemento fundamental entre as súas propostas a
eliminación desta lei.
Á vista da publicación esta fin de semana
dun novo real decreto que regula a avaliación final de 6º de Primaria, a
Plataforma xa avanzou que, no caso de manterse, animará as familias a
que amosen o seu rexeitamento a esta proba como xa o fixeron coa de
terceiro o curso pasado. Na rolda de prensa advertiuse ademais do
problema que se presenta en moitos centros nos que en 1º de Bacharelato
non existe unha alternativa á materia da Relixión. Xaquín Bermello, en
representación do estudantado, puxo en valor a loita contra a LOMCE como
unha loita necesaria que se ten que manter no futuro con novas
mobilizacións se non se derroga despois das próximas eleccións.
Fernando
Lacaci referiuse á inexistencia dun sistema de atención educativa
domiciliaria como se evidenciou nos últimos meses. Explicou que a
Consellaría de Educación respondeu a esta demanda cun protocolo “para
tapar voces antes das leccións”, que non garante o dereito, que se
limita a ser unha declaración de intencións e que está baseado no
voluntarismo das familias, dos docentes… Por esta razón a Plataforma
Galega en Defensa do Ensino Público reclama que se inicie o proceso de
novo, desde o inicio, coa apertura dun diálogo, no que participen as
partes implicadas e tamén pedagogos, psicólogos, médicos, as familias e
incluso profesorado experto na materia que pasou por esta situación e
que pode achegar a súa experiencia persoal.
A Plataforma Galega en
Defensa do Ensino Público tamén analizou polo miúdo os orzamentos da
Consellaría de Educación que supoñen un decrecemento desde o ano 2009
dun 33% (680 millóns) e que, en palabras de Anxo Louzao, van contribuír a
deterioralo, acrecentar a privatización, a segregación e as diferenzas
sociais. “Este orzamentos -engadiu- inviabilizan a igualdade de
oportunidades, ignoran o ensino en galego e a normalización, non van
crear emprego, os centros continuarán sen profesorado, abandonan a
calidade, descoidan a escolarización do alumnado con necesidades
educativas especiais e condena o 40% das familias a pagar os libros de
texto , as actividades extraescolares e o comedor escolar, entre outras
cuestións”.