Profesorado e alumnado de secundaria de toda
Galiza concentrouse hoxe, xoves, durante a hora do recreo, nos centros de
ensino para manifestar o seu máis rotundo rexeitamento ás reválidas e á LOMCE. Unhas
probas- as de ESO e bacharelato- que comezarán a realizarse en 2017 e que será
imprescindíbel superar para conseguir os títulos de graduado en ESO e de
bacharel a partir de 2018. Probas que, en todo caso, substituirán xa este curso
as actuais PAU, sen que o alumnado saiba, a esta altura, en que van consistir o
seu deseño, cando delas depende o seu futuro.
As protestas insírense na campaña de
mobilizacións que vén desenvolvendo a Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público desde que se coñeceu o contido da LOMCE. Mobilizacións que a plataforma
xa avanzou que continuarán até que consiga que as reválidas e a LOMCE
desaparezan de todos os textos legais e que, neste primeiro calendario que
coincide co inicio do curso, se completarán coa paralización do ensino con
concentracións o vindeiro día 26 de outubro, ás 19:00 horas, nas sete cidades,
e ás 20:00 horas en Carballo e Cee.
O portavoz da PGDEP, Anxo Louzao, que
participou na concentración convocada no IES compostelán Rosalía de Castro,
amosou a súa preocupación porque a estas alturas o conselleiro de Educación
“non asuma a súa responsabilidade, como máxima autoridade educativa na Galiza,
e que chegue mesmo a afirmar que non hai
por que estar preocupados porque a reválida será moi semellante á actual
selectividade”.
Afirmacións que Louzao considerou “un acto de
insensatez e inconsciencia”, xa que no decreto aprobado o 30 de xullo a
administración central dáse de prazo até o 30 de novembro para presentar o
deseño, características e contido das futuras reválidas de ESO e de segundo de
bacharelato. “Reválidas que van ser determinantes para a consecución dos
títulos respectivos porque sen aprobalas non se vai ter nin o graduado en
educación secundaria nin o título de bacharel”, denunciou.
Con todo, matizou que para este curso non
terán valor académico pero si para 2018 e, alertou de que en todo caso, xa van
substituír a selectividade este curso, co que “o alumnado xógase o seu futuro
académico cunha probas que non sabe en que van consistir” .
Sistema
máis competitivo, clasista, segregador e centralista
Lembrou que coas reválidas o PP “retoma un
modelo do franquismo para uniformizar e centralizar o sistema educativo,
españolizándoo aínda máis”, na medida en que o seu deseño e contido vai ser
elaborado a nivel central e que, por tanto, “todo o que nos conforma como pobo,
a nosa cultura, a nosa historia e a nosa xeografía, non vai ter cabida nesas
probas”.
Advertiu que afianza no sistema educativo os
principios do neoliberalismo, introducindo a competitividade como valor, ao só
considerar certas áreas do coñecemento e do saber desbotando outras. “Todo o
que teña que ver co ámbito artístico, musical, todo o que ten que ver coa
formación integral do alumno está desbotado destas probas. Serán probas que
tratarán ao alumnado sen considerar que o ensino ten unha parte que debe ser
personalizada e individualizada e que aínda que teña uns obxectivos en común
ten que ter en conta o contexto socioeconómico e cultural de cada un dos
alumnos e alumnas”.
A este respecto, denunciou a concepción
clasista e elitista que o PP ten do sistema educativo e que as reválidas serán
un medio para apuntalar máis a estratificación social, vulnerando o dereito do
alumnado á igualdade de oportunidades. “O alumnado de familias con máis poder
adquisitivo e dun ámbito familiar máis motivado sempre vai ter máis recursos
para triunfar do punto de vista escolar. Poderán ter reforzo mediante clases
particulares para aquelas materias e áreas de coñecemento que van ser motivo de
valoración nestas probas e, por tanto, xogarán con maiores avantaxes”.
Tamén considerou que supoñen unha desconfianza
e desautorización ao profesorado na medida en que este acabará sendo un simples
preparador das reválidas, como se de clases particulares se tratase “porque o
seu único fin vai ser procurar que se aprobe un exame”.
Ademais asegurou que pretenden conformar
rankings de centros segundo os resultados destas probas, sen considerar nin o
tipo de alumnado, nin os recursos, nin os medios que ten o propio centro.
Por iso concluíu que o máis razoábel sería,
como mínimo, a paralización da LOMCE e das reválidas e continuar coas actuais probas
de acceso á Universidade (PAU), tendo en conta que até o segundo trimestre nin
se saberá en que van consistir estes exames.