A Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público vén de manifestar o seu apoio á folga convocada para o vindeiro
xoves día 16 de febreiro polo estudantado contra a LOMCE, a implantación
do decreto 3+2 na universidade, os recortes no ensino público, e en
demanda dunha Lei Galega de Educación. No decurso desa xornada están
convocadas 23 mobilizacións nas sete cidades e en numerosas vilas
galegas ás 12:00 horas por ERGUER e ás 19:00 h pola PGDEP.
Louzao lembrou que “contra o que se pretende
dar a entender de maneira propagandística por parte do PP en Galiza e no Estado”
a LOMCE segue vixente e as reválidas foron adiadas pero tampouco derrogadas.
Xunto a isto denunciou que se pretende que sexa
no marco do Pacto pola Educación, do que non se sabe nada, onde se aborde esta
cuestión. “O único que se sabe é que os principios son os da propia LOMCE e que
o que se pretende é maquillala para darlle un maior apoio, o que, do punto de vista
da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, é claramente inaceptábel
porque mantén un modelo que persegue maior privatización, maior españolización,
confesionalidade, elitismo e segregación
do alumnado, poñendo en cuestión a igualdade de oportunidades e o dereito á
educación”.
Lei
galega de Educación
Neste contexto o portavoz da PGDEP considerou
que teñen aínda máis relevancia as mobilizacións co obxectivo de que “a LOMCE
desapareza, sexa derrogada e se abra un debate amplo con todos os sectores
implicados na Educación.
Louzao salientou ademais que a convocatoria de
folga e mobilizacións faise baixo o lema “Non á LOMCE, Por unha lei galega de
educación”, na procura de que o goberno galego elabore dunha vez unha lei que
dea resposta a todas as demandas da sociedade, mellore a calidade do ensino e
satisfaga as necesidades do alumnado, tendo como principio a igualdade de oportunidades.
Un debate que debe trasladarse ao propio ámbito educativo para abordar unha lei
que teña como principios “un ensino galego, público, laico e coeducativo”.
Decreto
3+2
Pola súa banda Iria Figueroa, portavoz de
ERGUER. Estudantes da Galiza, subliñou que esta convocatoria de folga atinxe tanto
ao ensino medio como ao universitario. No ensino medio para seguir demandando a
derrogación da LOMCE e a elaboración dunha lei galega de Educación e no ámbito
universitario contra a aplicación do Decreto 3+2.
Neste sentido sinalou que a Confederación
estatal de reitores vén de proporlle ao Ministerio de Educación que este
decreto se comece a aplicar no curso próximo nos graos de nova creación para
logo ir estendendo gradualmente ao conxunto do sistema universitario. “Parécenos
inadmisíbel que se leve adiante a aplicación deste Decreto que conta coa
oposición frontal do estudantado e que implica a redución dos graos de catro
anos a tres para baleiralos de contido e que sexa necesaria unha especialización
moito maior a través dun máster que se amplía de un a dous anos, co agravante
de que os másters teñen un prezo de matrícula que é o dobre do que ten o grao”.
Diante disto denunciou que, na liña que
inaugura a LOMCE, tamén no sistema universitario “camiñamos cara a unha
elitización cada vez maior do ensino, unha eliminación da igualdade de
oportunidades e unha total supresión da posibilidade de que todo o mundo poida
acceder a un grao e a un título universitario”.
Mobilizacións que se realizarán o 16 de febreiro:
Pola mañá manifestacións ás 12 horas:
-
A Coruña Praza de Vigo
-
Ferrol Diante do Edificio da Xunta
-
Compostela Alameda
-
Melide Diante do IES de Melide
-
Ribeira Diante do IES nº1
-
Pontevedra Praza da Peregrina
-
Vigo Praza América
-
Ourense Diante da Subdelegación do
Goberno
-
Lugo Praza do Seminario
-
Tamén haberá concentracións en
Boiro, Vilagarcia, Caldas,
-
Moaña, Cangas, O Barco e
Ponteareas.
Pola tarde concentracións:
ás 19:00 horas:
-
Vigo Diante do
Marco (Rúa do Príncipe)
-
Pontevedra Praza
da Peregrina
-
Compostela Praza
Roxa
-
Lugo Diante do IES Nosa
Señora dos Ollos Grandes
-
A Coruña Praza de
Pontevedra (diante do IES Eusebio da Guarda)
-
Ferrol Praza de
Amada García (diante do edificio da
Xunta)
-
Ourense Xardíns do Padre
Feixoo
-
Cangas Praza do Concello
ás 19:30 horas
-
Cee Praza 8 de Marzo
-
Vilagarcía Praza de Galiza