O
ensino público en Galiza foi hoxe á folga contra a LOMCE e os recortes en
educación, cun seguimento que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
valorou moi positivamente e que cuantificou, á saída da manifestación de
Compostela, en preto do 90%. “As aulas quedaron baleiras” asegurou o seu
portavoz, Anxo Louzao, quen considerou que “esta ten que ser a acta definitiva
de defunción da LOMCE, das reválidas e dos recortes que desde 2010 leva sufrido
o ensino público en Galiza”.
O
portavoz da PGDEP e secretario nacional da CIG-Ensino sinalou que tras desta
nova xornada de folga e coas mobilizacións desenvolvidas en todo o país
“agardamos que o goberno do Estado e a Xunta de Galiza tomen nota e que a Consellaría
de Educación deixe de actuar de comparsa e abandone a actitude de total
submisión ao goberno central”.
Xunto
a isto, exixiu que se elabore unha lei galega do ensino que responda ás
necesidades do sistema educativo galego e que teña en conta cuestións esenciais
como redución das ratios e incremento do profesorado.
Xunto
a isto demandou que se destine a educación o 7% do PIB, unha defensa inequívoca
do ensino público inclusivo e equitativo que se sustente na supresión dos
concertos nos centros que segregan por razón de xénero, no camiño de rematar
coa privatización e cos concertos educativos; eliminación do 3+2 e unha
política de bolsas totalmente diferente que posibilite que todo o alumnado
poida cursar os estudos universitarios sen estar condicionado pola súa
situación económica.
Pacto pola educación
Respecto
do “pacto pola educación”, Louzao asegurou que “non estamos dispostos a avalar
o engano que supón, porque só pretende maquillar a LOMCE para que sexa máis
presentábel socialmente pero mantén no fundamental os alicerces que sustentan a
propia lei”.