Máis do 80% das familias decidiron non enviar aos seus fillos e fillas aos centros de ensino a realizar a reválida de 3º



A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público valora moi positivamente o resultado do boicot  ás reválidas que empezaron este martes 30 de maio en 3º de Primaria. Segundo os datos da Plataforma Galega máis do 80% das familias decidiron non enviar aos seus  fillos e fillas a facer estas probas. Incluso houbo centros nos que non foi ningún alumnado. Desde a Plataforma Galega agradecemos ás familias o esforzo realizado para volver a evidenciar a súa oposición á LOMCE, con todas o sacrificio que lles supón non poder enviar durante dous días aos seus fillos e fillas aos centros educativos.

Unha vez máis o rexeitamento supera o 80%, con cifras de participación mínimas e semellantes as que se deron nas reválidas de  6º Primaria e de 4º da ESO a semana pasada, e que ademais superan as do ano pasado. “Agardamos que á vista dos datos a Consellaría de Educación non continúe coa mentira e acepte que estas aprobas o único que diagnostican, de maneira democrática e contundente, é a oposición das familias, da comunidade educativa e da sociedade no conxunto a que se siga aplicando a LOMCE”, explica Anxo Louzao, en nome da Plataforma Galega.
Despois desta contundente resposta, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público seguirá loitando co firme propósito de que se derrogue a LOMCE, e que o  próximo curso o alumnado poida rematar o curso con normalidade e sen unhas probas que para o único que serven e para someter ao alumnado  a un estrés innecesario, que poñen en cuestión o traballo do profesorado, xerarquizan as materias, na medida en que non todas son avaliadas e introducen os fundamentos do neoliberalismo, cun modelo competitivo e segregador.  “Agardamos que o conselleiro abandone o seu seguidismo das directrices de Madrid e empece a ter consideración a opinión do profesorado, dos pais e das nais, e do  sistema educativo galego no seu conxunto”, engade Louzao.
En opinión da Plataforma Galega se houbera unha mínima vontade de ter en conta a opinión da comunidade escolar no Pacto pola Educación, paralizaríanse  estas probas, derrogaríase a LOMCE e a partir de aí abriríase un debate para consensuar o futuro dunha Lei Galega de Educación.