A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público de Galiza (PGDEP) lembra que o rexeitamento a estas probas en Galiza é o máis elevado do Estado.
Após o enorme éxito a semana pasada con máis do 80% de absentismo nos centros galegos para as probas de 3º de Primaria, mañá está prevista a súa realización en 6º de Primaria e 4º da ESO. Malia que inicialmente estas reválidas teñen carácter mostral, a Consellaría incrementou considerabelmente o número de centros até os 450, 160 de Secundaria o que supón a metade dos que imparten estes estudosen Galiza.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que forma parte a CIG-Ensino, anima a non baixar a garda ante a convocatoria para mañá e pasado das probas externas incluídas na LOMCE que a Consellaría pretende levar a cabo en 450 centros nos que se imparten 6º de Primaria ou 4º da ESO. No caso da ESO, a proba chega a 160 centros, a metade dos institutos e colexios de Galiza onde se imparten estudos de Secundaria.
Tendo como referente o éxito acadado a semana pasada cun boicot superior ao 80%, o que supón mesmo un incremento respecto a outros anos, a plataforma chama as familias a non enviar de novo o alumnado aos centros e manter así o carácter combativo contra as reválidas e contra a LOMCE que sitúa a Galiza como o territorio do Estado no que este rexeitamento segue sendo maior.
A Consellaría mantén o seu inmobilismo
Fronte ao esforzo realizado pola comunidade educativa tanto para conciliar como para resistir a presión exercida pola administración educativa galega, esta mantén o seu inmobilismo absoluto e lonxe de recuar na realización destas probas incluso incrementou este ano o número de centros seleccionados. Neste sentido cómpre lembrar que mentres as chamadas probas externas son de aplicación en todos os centros de 3º de Primaria, as avaliacións finais de Primaria e Secundaria son de carácter mostral. En palabras de Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, “a Consellaría e o seu responsábel Román Rodríguez seguen facendo oídos xordos ao clamor da comunidade educativa pasando de 195 centros seleccionados en 2017 para estas últimas avaliacións a 450 este curso, o que lle dá practicamente un carácter censal”. Hai que ter en conta que as probas que se inician mañá farano nun tercio do total dos colexios e institutos públicos galegos e que un ano máis non se sabe que criterios empregou o goberno do PP para a súa escolla.
O pulo contra a LOMCE non decae
Tanto a CIG-Ensino como a Plataforma consideran que esta resposta é un aviso de que o rexeitamento contra a LOMCE “e contra un instrumento avaliador que o único que fai é introducir elementos de tensión entre o alumnado, xerarquizar materias de primeira e segunda categoría, estabelecer criterios neoliberais de clasificación dos centros e desprezar o labor do profesorado, nomeadamente a súa capacidade avaliadora mediante o sistema de avaliación continua, está máis vivo ca nunca”, e animan a continuar manifestándoo mañá. “Sabemos das dificultades que ten poder conciliar e que o alumnado non asista dous días seguidos a clase, de aí que agradecemos o esforzo que fan as familias, así como tamén a colaboración do profesorado e dos equipos directivos informando a toda a comunidade educativa sobre a falta de valor académico destas probas e o malgasto de recursos económicos e de tempo que supoñen”, sentencian os responsábeis da Plataforma.