Desde a Plataforma
Galega, vimos realizando un labor de información e mobilización contra este
proxecto de lei entre os que están numerosos actos e accións como xornadas,
charlas, debates, resolucións dos claustros e dos consellos escolares, concentracións
comarcais e peches rotatorios no mes de abril. Esta folga é, polo tanto, a
continuación deste proceso de mobilizacións encamiñado a paralizar este
proxecto de lei destrutora do ensino público.
A Plataforma considera
que o día 9 de maio non é a data máis axeitada, por ser día festivo na capital
galega e noutras localidades, e que o procedemento seguido polas organizacións
estatais nesta convocatoria non é o axeitado, por tomaren unha decisión á marxe
da dinámica galega e, polo tanto, excluíndo as organizacións que actuamos en
Galiza. Malia esta desconsideración, que responde a un criterio totalmente
centralista, optamos por convocar folga o día 9, xa que o fundamental é
evidenciar o máximo rexeitamento á LOMCE para conseguir a súa retirada.
Desde a Plataforma
Galega en Defensa do Ensino Público, facemos un chamamento a participar activamente
na folga e nas mobilizacións previstas para ese día 9, ás 11:30 horas, nas 7
cidades galegas e en diferentes localidades entre as que están Ourense, Vigo,
Ferrol, Vilagarcía, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Burela, Santiago e Carballo.