Por que imos á folga o día 9?


Imos á folga para amosar o seu total rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores  sociais máis desfavorecidos  da sociedade.

Trátase dunha lei que pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal e que afonda nas diferenzas sociais no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade.

É un anteproxecto recentralizador e españolizador que lle facilita ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización no noso idioma. Procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as reválidas e impón  un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística.

Repercutirá negativamente no ensino público e fortalecerá, pola contra, o ensino privado concertado que se verá favorecido coa creación de centros de excelencia, mediante a  selección do alumnado. Blíndanse os concertos económicos cos centros privados, mesmo con aqueles que segregan o alumnado por razón de xénero, malia existir sentenzas que ditaminan a súa ilegalidade.

Unha vez máis, estamos ante contrarreforma que reforza a confesionalidade e impide o ensino laico. O anteproxecto mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico, converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en relixión.  No Bacharelato, a materia de Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2.

É un anteproxecto profundamente antidemocrático, que traslada o sistema de xestión empresarial ao ensino. Elimina o Consello Escolar como órgano de goberno. A dirección será imposta pola administración e terá plenos poderes para tomar unilateralmente decisións de transcendental importancia para os centros e para propor ou rexeitar o profesorado  que sexa proposto pola administración.

Liquida a igualdade de oportunidades, ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría acceda aos estudos postobrigatorios e universitarios. É unha lei elitista, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en 4 de ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo mediante itinerarios que condenan, prematuramente, o alumnado a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando  de maneira temperá  o seu futuro académico e laboral. 

Pretende crear, mediante os programas de calidade e especialización curricular, diferentes categorías de centros e atender, con máis recursos e medios, aqueles que mellor resultados acaden, previa selección do alumnado, no lugar de procurar que todos os centros conten cos recursos necesarios para que todos e todas, con independencia da súa procedencia social ou xeográfica, reciban unha  formación de calidade.

Este anteproxecto de lei desautoriza, desconfía e xerarquiza o profesorado. É profundamente antipedagóxico, xa que a consecución da titulación do alumnado vai depender do resultado azaroso dunha única proba ao rematar o ensino obrigatorio e postobrigatorio. A isto hai que lle engadir a desvalorización da Formación Profesional e o desvío do alumnado cara a unha FP Básica, que nin sequera conduce á mínima titulación, baixo a escusa de favorecer a empregabilidade.

É unha anteproxecto que reflicte as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias do PP. Un anteproxecto de lei ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación que confirma os actuais concertos educativos, legaliza os centros que segregan alumnado por razón de sexo, facilita a planificación escolar en función do ensino concertado, reproduce un sistema xerárquico e empresarial  para o funcionamento dos centros, impide o acceso das clases populares á educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e integral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis.

Por todos estes motivos, porque significa un retroceso de décadas e porque elimina a igualdade de oportunidades, volvendo a unha sociedade na que o valor das persoas está en función do que posúen e na que o futuro depende de onde e en que familia se nace, a Plataforma Galega para a Defensa do Ensino Público chama e participará activamente na folga do día 9 para exixir a retirada desta lei e procurar un ensino público galego, laico e democrático.