A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Publico insistiu na importancia de que estas mobilizacións sexan un éxito porque aínda que o PP aprobe a lei, é un contrareforma que nace morta. A Plataforma valorou como un éxito das mobilizacións realizadas até o de agora o feito de que as forzas da oposición expresaran o seu compromiso de derrogala se se produce unha alternativa no Goberno central.
Despois das máis de 900 asembleas realizadas nos centro de ensino galegos, Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, organización sindical maioritaria entre o profesorado galego e integrante da Plataforma Galega en Defensa de Ensino Público explicou que todo indica que o profesorado vai secundar maioritariamente a folga e que as mobilizacións van ser multitudinarias porque o conxunto do profesorado é consciente de que esta lei anula a liberdade de cátedra e a importancia da función docente. Louzao referiuse ao procedemento para aprobar a LOMCE como un camiño inzado de autoritarismo. Tamén lembrou a actitude do conselleiro de Educación que se negou a debater a LOMCE coa comunidade educativa galega e se comportou como alumno avantaxado, en materia de concertos, de modelo lingüístico -que agora copia a LOMCE- e de recortes. Neste sentido lembrou que os orzamentos dedicados ao ensino público reducíronse desde o ano 2009 nun 33%.
O presidente da Federación das ANPA de Compostela Fernando Lacaci referiuse tamén ao traballo de mobilización e de información realizado polas propios pais e nais que entenderon que esta lei é un “despropósito”, que é “perniciosa e letal” e que deixará fóra da “carreira” aos seu fillos e fillas. Lacaci tamén se referiu aos recortes como un “torpedo á liña de flotación da educación” que responden a unha “política de anulación dun dereito” porque para ter unha educación boa hai é imprescindible dedicarlle recursos.
Monica Martínez dos Comités, falou en representación do estudantado e subliñou que desde a unidade que representa a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público “conseguiremos enterrar ese cadáver que é a LOMCE. Non deixaremos de estar na rúa defendendo un ensino público, galego e democrático”.
De feito a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ten convocado xa actos reivindicativos para o 13 de novembro e está a recoller sinaturas para o Manifesto Cultura Galega contra a LOMCE.
Na rolda de prensa estiveron representantes de distintas organizacións que integran a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público: Carmen Romero da AS-PG, Anxo Louzao da CIG-Ensino, Mónica Martínez dos Comités, a Liga Estudantil Galega, Fernanado Lacaci, da Federación das ANPA de Compostela, Andrea Martins, de Galiza Nova e o deputado Cosme Pombo do BNG. A Plataforma está integrada tamén pola Federación Provincial das ANPA de Lugo (FAPACEL), a Federación das ANPA da Costa da Morte, a Federación das ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), o Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público e o Sindicato de Estudantes,.