A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público pídelle ao Conselleiro de Educación que non aplique a LOMCE


A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público remitiulle este xoves 3 de abril unha carta ao conselleiro de Educación para expresarlle a súa preocupación pola implantación da LOMCE en Galiza e as repercusións negativas que pode ter na calidade do ensino no noso país e na formación do noso alumnado. A Plataforma reclamámoslle que non se impoña, unha vez máis, a improvisación e que non se aplique a LOMCE para o curso 2014-2015. 


 Reproducimos os escritos presentados:




Sr. Conselleiro:

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público acordou remitirlle esta carta para expresarlle a súa preocupación pola implantación da LOMCE en Galiza e as repercusións negativas que pode ter na calidade do ensino no noso país e na formación do noso alumnado.

Unha das primeiras medidas que nos vai afectar é a implantación dos libros de texto, xa que a modificación dos currículos e, por tanto, dos contidos destes materiais terá unha repercusión negativa na calidade do ensino e na formación do alumnado, pois son uns currículos que non teñen en conta a nosa realidade ou deturpan a nosa historia. Exemplo disto son os currículos de Historia e de Arte que non recollen con fidelidade a nosa realidade histórica e artística, nin a importancia de Galiza na Historia e na Arte. Este feito preocúpanos e lévanos a dirixinos a vostede, como máxima autoridade educativa en Galiza, para reclamarlle que non se implanten novos libros de texto en Galiza.

Esta petición tamén se sustenta na urxencia perentoria de evitar o incremento do gasto das familias, hoxe por hoxe con serias limitacións económicas que lles impiden facer fronte aos gastos dos libros de texto, máxime cando a súa substitución se fai en curtos períodos de tempo, como se vai facer nesta caso, antes de que remate a vixencia dos actuais. Por iso insistimos na importancia de que non se aplique esta medida no vindeiro curso e que, de vez, se restitúa a total gratuidade dos libros de texto  para todo o alumnado de educación infantil, primaria e ESO.

Como parte da comunidade educativa preocúpanos tamén a modificación curricular que suporá a LOMCE por diversas razóns. Materias que consideramos esencias na formación do alumnado como é a Educación Artística deixarán de ser materia obrigatoria para todo o alumnado. Esta modificación dará lugar a que haxa alumnado que acabe por carecer de formación artística, fundamental na formación académica de nenos e nenas, e necesaria para que poida realizar no futuro a elección máis atinada sobre a súa formación postobrigatoria. Por iso, consideramos que a Consellaría debería apostar polas materias deste área, continuando coa súa impartición en todos os centros e garantindo así que todo o alumnado reciba esta formación e que todos os centros conten co profesorado necesario para impartila.

Por outro lado, consideramos inadecuada e excesiva a implantación da materia de Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial e por iso solicitámoslle que non sexa impartida en Galiza. Do mesmo modo consideramos que a Relixión non debe formar parte do currículo escolar e que a Consellaría debería de potenciar a materia de Valores Sociais e Cívicos.

Trasladámoslle tamén a nosa preocupación pola falta de democracia na xestións dos centros educativos coa implantación da LOMCE. O Consello Escolar, en que está representada toda a comunidade educativa, deixará de ser un órgano de goberno e de decisión na elección da dirección do centro, pois malia que unha representación deste órgano formará parte da Comisión seleccionadora esta quedará invalidada desde o momento que a Administración se reserva para si máis do 50% da representación, o que pode dar lugar a que un director ou directora sexa elixido só pola Administración sen ter en conta a posición do resto dos integrantes da Comisión. É por iso que lle solicitamos que o director ou directora sexa elixido directamente polo Consello Escolar e non mediante concurso de méritos, ou polo menos que ceda a súa representación nas comisións de selección de directoras e directores para que estes resulten electos co apoio maioritario do Consello Escolar.

Por outra parte, sería unha imprudencia e unha desconsideración co conxunto da comunidade educativa pretender aplicar a LOMCE no vindeiro curso, pois até agora nin sequera se negociaron nin se coñecen os currículos e as consecuencias organizativas que comportarán nos centros. Por iso, reclamámoslle que non se impoña, unha vez máis, a improvisación e que non se aplique a LOMCE para o curso 2014-2015.

Como Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público dirixirémonos aos centros para expresarlles esta posición e trasladarlles a idoneidade de non modificar os libros de texto, de facilitar a súa gratuidade para todo o alumnado e de potenciar as materias de Educación Artística e Valores Sociais e Cívicos, que sexa o Consello Escolar o que elixa a dirección dos centros educativos e que non se aplique a LOMCE para o vindeiro curso.

Finalmente, queremos trasladarlle tamén a nosa preocupación pola entrada en vigor da Lei de reforma da administración local e as repercusións que esta pode ter na oferta de servizos no ensino. Consideramos que os servizos complementarios e as actividades extraescolares deberían ser ofertadas gratuitamente en todos os centros pola propia Consellaría, mediante xestión directa e persoal específico. Nese sentido, solicitaremos que se faga cargo de todos eles. Mais, mentres esta petición non se efectiviza, solicitamos que non se vexa minguada a actual oferta de servizos e actividades, que nalgúns casos están sustentadas polos concellos.

Agardando que atenda as nosas peticións, saúdano atentamente 

---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------- SR. CONSELLEIRO DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA:

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, unha vez aprobada a Lei de reforma da administración local e debido a incidencia que esta lei pode ter nos servizos que os concellos prestan nos e aos centros educativos,

Solicita

  • Que a Consellaría se faga responsábel e estenda a todos os centros educativos os servizos complementarios, as actividades extraescolares e o transporte onde sexa necesario, e que estes servizos e actividades sexan gratuítos.

  • Que se manteñan, como mínimo, os actuais servizos e oferta de actividades extraescolares e que esta modificación de Lei non repercuta nos mesmos e na oferta que recibe o alumnado.





Santiago de Compostela, 3 de abril de 2014