A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anunciou o mércores 7
de maio en rolda de prensa novas mobilizacións contra a LOMCE e os
recortes no ensino público. A próxima protesta será o 28 de maio e
consistirá nun acto no Museo Pedagóxico de Galiza, na aula que
representa a escola do franquismo co obxectivo de amosar as semellanzas
entre a educación na ditadura e o ensino que se pretende coa LOMCE. A
Plataforma tamén convocará para o 4 de xuño actos reivindicativos nas
sete cidades e diferentes vilas ás sete da tarde. Ese mesmo día, pola
mañá, proporase aos centros que dean lectura a un manifesto que
denunciará os recortes e que incluirá un chamamento a non aplicar a
LOMCE naqueles aspectos máis nocivos para o ensino público.
No acto do 28 de maio participará profesorado que experimentou
na súa propia carne o ensino do franquismo. Entre as semellanzas sobre
as que se quere chamar a atención están, segundo explicou Anxo Louzao,
da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, as reválidas, o
reforzamento da Relixión, avaliable a todos os efectos, os principio
clasistas e segregadores do ensino no franquismo -e que tamén inspiran a
LOMCE- o centralismo ou a xestión antidemocrática dos centros, entre
outros.
Por outra banda, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público fará un chamamento para que o día 4 de xuño, nos centros -
durante o recreo- se dea lectura a un manifesto de rexeitamento da LOMCE
e os recortes. A xornada continuará con actos lúdico-reivindicativos na
rúa ás sete da tarde, semellantes ao realizados noutras ocasións.
Con
estes actos a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público tamén
quere denunciar os recortes que se van producir para o inicio do curso
escolar, con novas supresións, deficiencias nos centros, a falta de
prazas -especialmente en ensino infantil de 0 a 3 anos e a formación
profesional-, aulas masificadas e outras actuacións da Consellaría como a
circular ás Escolas oficiais de Idiomas para que o alumnado que cursa
4º da ESO só nos centros plurilingües poida acadar o nivel básico ou
intermedio de Inglés e Francés.
Na rolda de prensa estiveron
representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que
está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino, Comités, Liga Estudantil
Galega, Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de
ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación
de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino
Público, Agir, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e a Federación
de ANPA de Ponteareas (FANPO).