A
Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denunciou este martes 13 de
xaneiro en rolda de prensa que os orzamentos da Consellaría de Educación para o
2015 no canto de mitigar as desigualdades sociais, acrecéntaas, porque non
recollen os investimentos necesarios para garantir a igualdade de oportunidades
e o dereito á educación.
En
representación da PGDEP, Anxo Louzao, lembrou que a educación pública é a única
que pode garantir un ensino galego, igualitario, laico, democrático e
coeducativo pero que os orzamento do 2015 en lugar de ir na dirección de
fortalecelo e amplialo continúan na senda trazada de máis recortes. “Sen o
investimento necesario, non é posíbel o dereito á educación de todas e todos
nin á igualdade de oportunidades”, dixo.
Na
rolda de prensa participaron tamén, en representación da PGDEP, Cosme Pombo,
Fernando Lacaci, Sonia García e Alberto Oubiña. Lacaci, en representación das
familias lamentou que a Administración educativa rexeite calquera tipo de
variación nun camiño que ten paralizado, e nalgúns casos “en estado de coma”, o
ensino e puxo o acento nas necesidades de profesorado e de recursos humanos.
Sonia García, en representación dos estudantes, insistiu, ao igual que o resto
de representantes, na falta de medidas de fomento do galego malia a perda de galegofalantes e a situación
dramática na que se atopa.
Datos máis salientábeis dos
orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2015:
Fíxanse en 2.090 millóns de
euros. Só un 0,19% máis en relación aos do ano 2014,
cando desde o ano 2009 decreceron un
33,5%. É dicir, vanse dedicar 680
millóns de euros menos ao ensino dos que se destinaron no ano 2009.
Os
orzamentos de Educación representan o 21,9% dos totais da Xunta de Galiza,
fronte ao 27% que representaba no ano 2.008.
Subvencións ao ensino
privado. Continúa o fortalecemento do ensino privado
concertado. Dedícanse 236,6 millóns a concertos, incrementándose a partida para
secundaria nun 0,93 % en un 0,9% en FP. A Consellaría dedica á privatización
244.512 mllóns euros. En total, un 11,7% dos orzamentos destinados ao ensino
privado concertado.
Investimentos reais
(construción de novos centros, reparacións, ampliacións e melloras). En
educación infantil e primaria (7,7 millóns) decrecen un 23,9%, cando xa se
reduciran nun 15,6 % o ano pasado. As
ensinanzas artísticas fano nun 33% cando xa no ano 2014 decreceron nun 57% e no
bacharelato e FP fíxanse 7,7 millóns.
Fracaso escolar.
A partida destinada á prevención do fracaso escolar (17,2 millóns) tamén se
reduce nun 0,65%, en relación á do ano 2014.
Libros de texto.
Destínanse 11,2 millóns, o que supón que máis do 40% do alumnado galego terá
que pagar os libros de texto.
Universidade.
A Universidade recibirá 322,7 millóns, o
1,5 % menos que o ano pasado.
Transporte e comedores
escolares. A partida destinada ao transporte escolar
(118,8 millóns) decrece o 1,34% e a destinada a comedores escolares é a mesma
que a do ano pasado (28.7 millóns).
Funcionamento dos centros.
A partida destinada ao funcionamento dos centros (36 millóns) redúcese nun 0,5%
para os centros de secundaria e FP e mantense para educación infantil e
primaria en 12 millóns, malia a redución do 2,4% do ano 2014.
Gasto de persoal
(profesorado). Só se incrementa o 0.4%,
cando nos últimos anos minguou o 8%. Os recortes supuxeron a perda de máis de
3000 profesoras e profesores nos últimos catro anos.
Taxa de reposición.
Na oferta de emprego público só se cubrirán, como máximo, o 50% das vacantes
que se produzan, o que suporá máis recortes de profesorado.
Profesorado. Continúan
reducindo o salario do profesorado que nos últimos cinco anos leva perdido o
30% do poder adquisitivo. Só se destinan 1,3 millóns de euros á formación do
profesorado para un colectivo de 30.300 docentes, é dicir, 4,2 euros por docente.
Actividades extraescolares.
Non se consigna ningunha partida para facilitar o acceso gratuíto ás
actividades extraescolares.
Fomento da lingua galega. A
partida para o fomento da lingua decrece nun 4,8% respecto do ano 2014,
continuando coa tendencia descendente que supuxo pasar dos 21,7 millóns do ano 2009 aos 6,7 previstos para o ano 2015.
Para
a Consellaría de Educación, a
potenciación da nosa lingua só se merece o 0,0007% dos orzamentos da Xunta de
Galiza, continuando así coa política de persecución e combate contra o noso
idioma e o ensino en galego.
En
definitiva, para a PGDEP estamos ante uns orzamentos que apostan pola
privatización e fortalecemento do ensino privado concertado, continúan cos
recortes, destrúen emprego e non atenden as necesidades educativas específicas
de apoio educativo, impiden a gratuidade do ensino, o dereito ao material e libros
de texto para todo o alumnado e os recursos complementarios gratuítos, non
dedican fondos necesarios para loitar e reducir o fracaso escolar, non
restitúen os dereitos salariais e laborais do profesorado e supoñen máis
clasismo, confesionalidade e menos participación e xestión democrática. Uns
orzamentos de total desleixo coa nosa lingua, que perseguen afastar o ensino da
nosa realidade e continuar coa desgaleguización. Uns orzamentos que se sitúan moi lonxe de
dedicar á Educación o 7% do PIB para satisfacer todas as necesidades e
carencias do sistema educativo galego.
A Plataforma Galega en
Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino, Comités,
Liga Estudantil Galega, Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL),
Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a
Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do
Ensino Público, Agir, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e a Federación
de ANPA de Ponteareas (FANPO).