A Plataforma Galega en Defensa do
Ensino Público desde o primeiro momento activou e promoveu todo tipo de accións
para combater a LOMCE, consciente de que estabamos ante unha lei nociva para o
ensino público e galego. Unha lei que impide o dereito á educación de todo o
alumnado, que acrecenta a privatización e a mercantilización da educación, desterra
a igualdade de oportunidades, elimina a xestión democrática dos centros,
reforza a confesionalidade, promove a segregación do alumnado e reincorpora as
reválidas do franquismo para expulsar o alumnado das clases populares do
sistema educativo.
O inicio da aplicación da LOMCE neste
curso foi unha improvisación e un desatino absoluto que significou un prexuízo para
o funcionamento dos centros e para a calidade do ensino. Agora, a Consellaría
de Educación, en lugar de oporse a Madrid, actúa submisamente aos seus mandatos
e decide someter todo o alumnado de 3º de Primaria a unha proba xeral
individualizada que conxuntamente coa prevista para 6º de Primaria son a antesala
das reválidas, requisito imprescindíbel para acceder ao título de ESO e
bacharelato.
Temos que facer fronte a este
atropelo. Está nas nosas mans evidenciar o fracaso e a improcedencia desta
proba que en nada contribúe ao proceso ensino-aprendizaxe nin beneficia o
alumnado, xa que:
- É unha aberración desde o punto de vista pedagóxico someter o alumnado de 8 anos a unha presión innecesaria, mediante unha proba que o vai avaliar baixo estándares uniformizados, sen considerar a educación como un proceso no que hai que avaliar e considerar as circunstancias persoais, socioeconómicas, capacidades e actitudes do alumnado.
- Limítase a avaliar o ámbito lingüístico e matemático, menosprezando a adquisición doutras competencias, destrezas e habilidades do campo artístico, musical e físico e refusando o ensino da nosa historia e medio natural imprescindíbeis para a formación integral do alumnado.
- Despreza a avaliación continua e a opinión do equipo docente. Ninguén mellor que o titor ou titora ou o equipo docente para coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado e dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a aprendizaxe e o rendemento escolar.
- Subestima e desconfía do traballo do profesorado que estará sometido e totalmente condicionado a orientar o seu traballo docente a preparar o alumnado para a obtención da mellor nota posíbel na avaliación final, marxinando outros aspectos educativos fundamentais nesta etapa educativa.
- Responde á pretensión de conformar rankings de centros, segundo os resultados destas avaliacións e sen ter en conta as características do alumnado e os servizos cos que conta o centro, co obxecto de ir configurando unha rede elitista de centros que contará con máis medios e recursos.
- Pretende ir afirmando un sistema educativo competitivo, clasista e segregador que vai excluíndo os sectores máis desfavorecidos da educación e asentando unha estrutura curricular ao servizo do neoliberalismo.
- Supón tamén un despropósito, xa que os estudos de aprendizaxe que se pretenden avaliar corresponden aos tres primeiros cursos de primaria e o alumnado que vai sufrir as probas só cursou terceiro da LOMCE.
- A Consellaría de Educación malgasta o diñeiro público, malia as múltiples carencias dos centros, e somete o profesorado a unha sobrecarga de traballo coincidindo co final do curso.
Estas e outras moitas razóns son as
que levan á Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público a animar as familias
a que o día da realización da proba xeral de 3º de Primaria (27 e 28 de maio)
non envíen os fillos e fillas aos centros ou manifesten o seu rexeitamento,
entregando no centro o texto que se achega.
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2015