A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público manifestarase o 16 contra os recortes no ensino

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denunciou este mércores, 9 de setembro, en rolda de prensa a conflitividade que provocan neste inicio de curso os recortes impostos pola Consellaría de Educación e a súa obstinación por aplicar a LOMCE e por non dotar aos centros do profesorado suficiente. Diante desta situación convoca unha concentración o 16 de setembro ás 11:30 horas diante da Consellaría de Educación. 




A falta profesorado nos centros, a masificación das aulas, a perda de peso do galego como lingua vehicular do ensino e a actitude autoritaria do conselleiro volven caracterizar, segundo indicou Anxo Louzao, en representación da Plataforma, o inicio da actividade lectiva. “Temos unha Consellaría ao servizo dos intereses da patronal do ensino privado e concertado, maioritariamente confesional, en detrimento do público”, dixo. Só así se entende o peche de 48 unidades e 13 centros no ensino público mentres  se abren 26 novas unidades no ensino concertado, ao que a Xunta destinou máis de 1.000 millóns de euros en catros anos mentres reducía en 181 millóns de euros os orzamentos de Educación. 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público esixe o cese dos recortes cos que a Consellaría volve castigar o ensino público e a derrogación da LOMCE e do Decreto do Plurilingüísmo. Anxo Louzao referiuse ao caos  e ao desorde que está a provocar aplicación da LOMCE ao non levar parella a normativa que a ten que desenvolver e lembrou que até os meses de verán a Consellaría non publicou os currículos e o deseño das novas das materias. “A aposta pola confesionalidade ponse de manifesto na decisión da Consellaría de impedir que os centros impartan no Bacharelato materias dunha hora semanal, o que condena o alumnado a ter que cursar Relixión por non ter alternativa”, explicou.

En representación do alumnado, Artai Fernández denunciou a falta de prazas no ensino público, nomeadamente na FP, e a suba das taxas. Lembrou que as bolsas, en lugar de cumprir a función de garantir o acceso ao ensino de todo o alumnado, seguen premiando aos estudantes con mellores notas. Tamén en representación das familias José Bustela, manifestou que o 40% das familias non van ter acceso a ningunha axuda para os libros de texto e que a maioría terán que seguir soportando o custe de servizos como o de comedor e transporte escolar.

Segundo a Plataforma, máis de 300 centros continúan sen a dotación de profesorado necesario e máis de 200 unidades superan o número de alumnos e alumnas por aula que establece a rateo. “Incumpren a lei que eles mesmos aproban, non de xeito excepcional, como xeneralidade, minguando a calidade e negando unha atención educativa adecuada ao alumnado con necesidades educativas especiais”, explicou Louzao.   A Plataforma puxo de manifesto que o 60% dos docentes nomeados como orientadores están a tempo parcial e comparten centro. En Primaria adxudicoúselles destino provisional a 2.797 mestres e mestras, dos e das que o 15 % son  itinerantes (un 22% máis que o curso pasado), o 8% suprimidos ou desprazados (un 39% máis), o 12% imparte afíns (un 62% máis) e o 42% é persoal interino. Na adxudicación provisional do profesorado de secundaria, das  3.894 prazas adxudicadas, 1003 son con materias afíns. Un 35% do profesorado terá que impartir materias das que  non é especialista, nalgúns casos até 5 diferentes.  Nos últimos cinco anos suprimíronse 3000 postos docentes, xa que mentres se xubilaban máis de 4000 só se convocaban oposicións para 993 prazas. 

A todo isto hai que sumar que o profesorado continúa cos seus salarios e pagas extras recortadas e soportando tarefas que non lle corresponden, entre elas, as burocráticas derivadas da falta de persoal administrativo nos centros.  Súmase a toda esta situación a falta dun plan integral para mellorar os centros, moitos deles con deficiencias importantes pola súa antigüidade. Por todo isto a Plataforma xa ten convocada unha concentración o 16 de setembro ás 11:30 horas diante da Consellaría de Educación. 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino, BNG, Comités, Agir,  Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Liga Estudantil Galega,  Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Sindicato de Estudantes, Galiza Nova e a Federación de ANPAS de Centros de Ensino Público da Comarca  Condado Paradanta-Louriña  (FANPO).