A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público apoiará o 12 de decembro a cadea humana en Malpica en defensa do dereito á atención educativa domiciliaria



A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público esixiu este martes 2 de decembro  en rolda de prensa solucións para as diferentes problemáticas que inciden negativamente na boa marcha do curso escolar e que están a supor un deterioro do ensino público.  A Plataforma Galega en Defensa do Ensino advertiu que os orzamentos da Consellaría de Educación  para o ano 2016 non van resolver as carencias que existen,  insistiu na necesidade dun novo modelo de xestión do comedores escolares e demandoulles ás diferentes organizacións políticas que se presentan ás eleccións xerais o compromiso de derrogar a LOMCE.  A PGDEP tamén anunciou a súa participación na cadea humana que se vai realizar en Malpica o 12 de decembro ás 12:00 horas  para defender unha nova regulación da atención educativa domiciliaria que fixe dereitos e obrigas para a administración



Para a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público corrobórase  a necesidade doutro modelo de comedores escolares xestionados directamente pola Consellaría de Educación. Anxo Louzao en representación da Plataforma, referiuse tamén á problemática derivada da improvisación que caracteriza a aplicación da LOMCE e fixo un chamamento a todas as organizacións políticas que concorran ás eleccións para que sitúen como elemento fundamental entre as súas propostas a eliminación desta lei.

Á vista da publicación esta fin de semana dun novo real decreto que regula a avaliación final de 6º de Primaria, a Plataforma xa avanzou que, no caso de manterse,  animará as familias a que amosen o seu rexeitamento a esta proba como xa o fixeron coa de terceiro o curso pasado. Na rolda de prensa advertiuse ademais do problema que se presenta en moitos centros nos que en 1º de Bacharelato non existe unha alternativa á materia da Relixión. Xaquín Bermello, en representación do estudantado, puxo en valor a loita contra a LOMCE como unha loita necesaria que se ten que manter no futuro con novas mobilizacións se non se derroga despois das próximas eleccións. 

Fernando Lacaci referiuse á inexistencia dun sistema de atención educativa domiciliaria como se evidenciou nos últimos meses. Explicou que a Consellaría de Educación respondeu a esta  demanda cun protocolo “para tapar voces antes das leccións”, que non garante o dereito,  que se limita a ser unha declaración de intencións e que está baseado no voluntarismo das familias, dos docentes… Por esta razón a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público reclama que se inicie o proceso de novo, desde o inicio,  coa apertura dun diálogo, no que participen as partes implicadas e tamén pedagogos, psicólogos, médicos, as familias e incluso profesorado experto na materia que pasou por esta situación e que pode achegar a súa experiencia persoal. 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público tamén analizou polo miúdo os orzamentos da Consellaría de Educación que supoñen un decrecemento desde o ano 2009 dun 33% (680 millóns) e que, en palabras de Anxo Louzao, van contribuír a deterioralo, acrecentar a privatización, a segregación e as diferenzas sociais. “Este orzamentos  -engadiu-  inviabilizan  a igualdade de oportunidades, ignoran o ensino en galego e a normalización, non van crear emprego, os centros continuarán sen profesorado, abandonan a calidade, descoidan a escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais e condena o 40% das familias a pagar os libros de texto , as actividades extraescolares e o comedor escolar, entre outras cuestións”.

Na rolda de prensa da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público participaron Carmen Romero da AS-PG, Anxo Louzao  da CIG-Ensino, Fernando Lacaci da Federación de ANPA de Compostela, Xosé Bustelo da Federación de ANPA da Costa da Morte, Adrián Dios do BNG, Xaquín Bermello dos Comités e  Alberte Mera de Galiza Nova. Da Plataforma forman parte tamén Agir,  Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Liga Estudantil Galega, Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Sindicato de Estudantes e a Federación de ANPAS de Centros de Ensino Público da Comarca  Condado Paradanta-Louriña  (FANPO).