A Plataforma demanda dos grupos parlamentarios do Congreso a paralización e derrogación da LOMCE

Unha representación das 12 organizacións que conforman a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público rexistrouo mércores 30 de marzo  no Parlamento de Galiza escritos dirixidos a todos os grupos do Congreso en demanda de que se adopten todas as medidas necesarias para a inmediata paralización e posterior derrogación da LOMCE, por ser “extremadamente lesiva para o ensino público”.



A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público lembra que xa transcorreron dous meses desde a Constitución do Congreso e que hai unha maioría de representantes de distintas forzas políticas que manifestaron, durante a campaña electoral, que unha das primeiras medidas que ían adoptar sería paralizar e derrogar a LOMCE.

Por iso,  Anxo Louzao, que fixo unhas declaracións en nome da plataforma tras a presentación no rexistro dos escritos, asegurou que “para nós non hai xustificación para que a LOMCE a esta altura non estea como mínimo paralizada, previa a súa derrogación”. 

Denunciou o “desatino” e “absoluto despropósito” que está supondo a súa implantación e salientou que este curso está previsto continuar coa implantación das reválidas, que o ano pasado xa se realizaron en terceiro e que agora pretenden estenderse tamén a sexto de Primaria, como prólogo das reválidas da ESO e de Bacharelato.

Afirmou que a Plataforma está en desacordo con estas probas e anunciou que se chamará a que os pais e nais procuren non mandar os seus fillos e fillas ese día aos centros para que non realicen a proba, igual que se fixo o curso pasado en terceiro. Unha campaña que, afirmou, “tivo unha resposta moi satisfactoria, na medida en que máis do 50% do alumnado de terceiro de Primaria non realizou estas probas en Galiza”.

Louzao asegurou que é unha lei lesiva para o ensino público e o ensino en galego. “Parte dunha concepción totalmente centralista do Estado, non adecúa o ensino á nosa realidade, é unha lei que privatiza, procura un ensino máis confesional e está ao servizo da patronal do ensino privado e do neoliberalismo”. 

Por iso asegurou que a Plataforma Galega seguirá a combater a LOMCE e anunciou que, de non ser paralizada e logo derrogada, fará todo o necesario para conseguir que a implantación das reválidas “sexa un fracaso”.