A PGDEP denuncia a demagoxia do PP por simular que desaparecen as reválidas mentres lexisla en sentido contrario

O borrador do decreto lei estabelece que, no futuro, as reválidas terán valor académico


A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) fixo este martes, en rolda de prensa, un chamamento á comunidade escolar a sumarse á xornada de loita convocada para este xoves, día 24 de novembro, contra as reválidas e a LOMCE, e a participar nas mobilizacións convocadas tanto pola mañá como pola tarde nas sete cidades e en Vilagarcía, Cee e Carballo. O seu portavoz, Anxo Louzao, denunciou que mentres o goberno simula que as reválidas desaparecen, prepara un decreto lei no que se vai estabelecer que, no futuro, terán valor académico.

A este respecto Louzao advertiu que os anuncios que se veñen facendo estes días son consecuencia das mobilizacións, que puxeron de manifesto o maioritario rexeitamento tanto á LOMCE como ás reválidas. Porén alertou da “dobre linguaxe e do engano” do goberno central, xa que mentres lanza á opinión pública a idea de que as reválidas desaparecen ten xa redactado un borrador de decreto lei no que se recolle que agora se adían mais que no futuro terán valor académico, tanto para ESO como para bacharelato.
“Non di a partir de que curso, porque en lugar do ano poñen puntos suspensivos. Entendemos que á espera de que se acorde formalmente na Conferencia de conselleiros de Educación prevista para o día 28 de novembro”, matizou o portavoz da plataforma.
Xunto a isto, Louzao considerou “contraditorio, inxustificábel e demagóxico” que se fale dun pacto educativo cando, tras aprobarse a resolución do Parlamento español que exixe a derrogación da LOMCE, desde o PP, se fale mesmo de levar esta cuestión ao Tribunal Constitucional “recorrendo a todos os mecanismos ao seu alcance para evitar a súa derrogación”.
O portavoz da PGDEP recoñeceu que para este curso as reválidas de ESO van ser só unha mostraxe, “seguramente porque lles era imposíbel levalas a cabo a estas alturas”, pero insistiu en que “non desaparecen como tales”.
No entanto, advertiu que a reválida de bacharelato aínda que non terá valor académico para titular agora –si nun futuro- serán imprescindíbeis para acceder á universidade. Por iso reiterou a súa denuncia do “calvario” que se lle está facendo pasar ao alumnado e ao profesorado porque de momento só está avanzado un borrador e non se coñecerá até decembro en que consistirán exactamente.
Louzao explicou que o proxecto de Orde ministerial, no cal se fixan as características, o deseño e o propio contido das futuras reválidas de segundo de bacharelato, amosa diferenzas substanciais no que ten a ver coas materias, contidos e modelo de probas en relación ás actuais PAU, aínda que o Ministerio continúe asegurando que serán semellantes. 
Silencio da consellaría
A PGDEP manifestou tamén a súa preocupación polo “silencio” que mantén a consellaría de Educación a respecto desta cuestión e denunciou que nin sequera se sabe cal vai ser a súa posición na Conferencia Sectorial de Educación do vindeiro día 28. Unha posición que Louzao considerou que debería ser acorde coa posición da sociedade galega, de maioritario rexeitamento.
A Plataforma avanzou ademais que seguirá chamando á insubmisión ás reválidas de 3º e 6º de Primaria, que se manteñen, e tamén aos centros de secundaria que sexan seleccionados para facer a mostraxe.
Por iso fixo un chamamento a participar masivamente na xornada de loita deste xoves, día 24 de novembro, na que o estudantado baleirará as aulas e a sumarse ás mobilizacións previstas tanto pola mañá como pola tarde nas sete cidades e en Cee, Carballo e Vilagarcía, ás 19:00 horas, agás en Vigo, onde será ás 18:00 horas.