A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público entrega preto de 14.000 sinaturas contra as reválidas e a LOMCE

Cunha concentración simbólica diante da consellaría de Educación a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público reiteraba, esta mañá, a súa rotunda oposición ás reválidas e á LOMCE. Demandas que respaldou coa entrega dun total de 13.526 sinaturas recollidas nas últimas semanas que constatan o enorme rexeitamento que suscita esta lei no conxunto da comunidade escolar.
 
 

A PGDEP aproveitou a convocatoria para facer un chamamento a apoiar masivamente a xornada de loita convocada para o vindeiro día 24. Unha xornada na que o estudantado parará as aulas e na que se pide ás familias que non envíen os centros os seus fillos/as. Do mesmo xeito, o portavoz da plataforma, Anxo Louzao, fixo tamén un chamamento a participar nalgunha das 18 mobilizacións convocadas para esa data por todo o territorio galego, que poderían ampliarse nos próximos días.

Respecto do aprobado onte no Congreso e do anuncio do Ministro de Educación de que as reválidas non terán validez académica, a PGDEP considerou que “é totalmente insuficiente”. Así o manifestou Louzao quen asegurou que “neste intre os gobernos do Estado e da Xunta de Galiza tiñan que ter tomado a decisión de paralizar, para a súa futura derrogación, tanto a LOMCE como as reválidas, cuestión que non están dispostos a facer, polo menos até o de agora”.

Tampouco considerou ningún avance o anuncio de que as probas non terán valor académico porque para este curso “xa estaba previsto que non serían necesarias para titular, polo que non hai ningún cambio con respecto ao que xa había”, asegurou Louzao. 

Ademais denunciou a “enorme incertidume” e a “tortura” á que se está sometendo ao alumnado de segundo de Bacharelato, que a esta altura aínda non sabe de que se vai ter que examinar para acceder á universidade. “É unha tomadura de pelo que se nos diga que as probas van ser semellantes. Pois que paren as reválidas e transitoriamente digan que os exames van ser como as probas da PAU”. 

Xunto a isto, o portavoz da PGDEP exixiu a desaparición das reválidas tamén no resto das modalidades e que se abra de inmediato o proceso para a definitiva derrogación da LOMCE. “Ese é o acordo polo que estamos a agardar pero que non o hai, nin por parte da administración central nin por parte do goberno galego”.

Situación “vergoñenta”

Anxo louzao considerou ademais “vergoñenta” a actuación do goberno galego, e nomeadamente da consellaría de Educación, por non ter sido capaces de transmitir, na xuntanza que sobre esta cuestión houbo co Ministerio, “a posición que a sociedade galega está manifestando e reclamando na rúa”.

Por iso fixo un chamamento á consellaría de Educación a que “faga uso das súas competencias e asuma a súa responsabilidade de representar a todos os galegos e galegas” mantendo unha posición clara contra a LOMCE e as reválidas na xuntanza de Educación prevista do vindeiro día 28. 

A este respecto Louzao lembrou que a LOMCE é unha lei clasista, que emana dun modelo educativo neoliberal, que profundiza na confesionalidade e que é centralizadora, na medida en que nin sequera permite exercer as poucas competencias que temos en materia de Educación.

Unha lei que, afirmou, “vai contra o dereito á educación, desterra a igualdade de oportunidades e o único que pretende é golpear as clases populares e expulsalas do sistema educativo”.