Representantes da Plataforma Galega en
Defensa do Ensino Público concentráronse esta mañá diante da consellaría
de Educación para demandar a paralización e derrogación da LOMCE e das
reválidas. Unhas probas que xa se celebraron o curso pasado en terceiro
de Primaria –cunha insubmisión de máis do 50% das familias-, que este
ano pretenden estenderse a sexto e que “nin benefician o alumnado, nin
favorecen o proceso de aprendizaxe”.
“Como Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público non imos
estar dispostos a que a consellaría impoña os seus postulados
ideolóxicos en contra da maioría da comunidade escolar. O ano pasado
máis do 50% das familias non levaron as nenas e nenos a facer a reválida
de terceiro e aínda así Educación segue obstinada en celebralas”.
Así
se pronunciaba, como portavoz da Plataforma, Anxo Louzao, quen ademais
alertou de que lonxe de aportar nada ao proceso de aprendizaxe, estas
probas “van supor segregar ao alumnado, crear un ranquin de centros e
que se estea afondando máis nun ensino elitista e clasista que vai
provocar unha maior diferenciación atendendo ao rendemento escolar en
certas materias e marxinando outras competencias que son fundamentais
para a formación integral do alumnado”.
Sobre a elaboración dun
ranquin de centros a partir dos resultados desta proba, que puxo en
cuestión o Director Xeral da consellaría, Louzao asegurou que se non se
chega a facer “será pola presión social”.
De feito lembrou que o
proxecto de Orde di que a comunidade escolar “vai coñecer os resultados
dese centro”. Polo tanto, “do momento no que son públicos, vaise valorar
cal centro obtivo mellores resultados e cal peores”.
Xunto a isto
cuestionou a explicación do representante da consellaría que xustificou
ese baremo dos centros en función das cualificacións do alumnado, como
unha medida para saber que centros precisan máis dotación de medios e
reforzo de profesorado. “É pura propaganda” denunciou, “non é necesario
facer unha proba para avaliar as necesidades e carencias que teñen os
centros cando o sabe sobradamente o profesorado e a comunidade educativa
no seu conxunto”, afirmou.
Chamamento á insubmisión
Segundo
denunciou no decurso da concentración, as reválidas, para as que a
consellaría xa presentou un borrador segundo o que se prevé a súa
celebración nos días 11, 12 e 13 de maio e 24 e 25 de maio, poñen
ademais en cuestión a avaliación continua e desautorizan o traballo
diario do profesorado. Por iso exixiu, en nome da Plataforma, a súa
paralización e fixo un chamamento a nais e pais a que non leven aos
centros, tampouco este ano, ás nenas e nenos o día en que teñan lugar as
probas.
Neste sentido subliñou que “non van ter ningunha
consecuencia nin do punto de vista académico, nin da aprendizaxe”. Con
todo considerou que o lóxico sería que “se impuxera a sensatez por parte
da consellaría e que o que é un borrador, neste momento, desapareza e
non teña traslado ao DOG”.
A este respecto Fernando Lacaci,
Presidente da ANPAS de Compostela, engadiu que se algunha consecuencia
negativa ten a insubmisión ás reválidas é para o alumnado “polo estrés
ao que o someten”.
En todo caso entendeu os problemas de
conciliación que provocará non levar ás nenas e nenos aos centros ese
día para as familias. “Non podemos dicirlle á xente que non vaia a
traballar e poña en risco o seu posto de traballo, pero si podemos
dicirlle que intente conciliar como concilia no verán ou en calquera dos
190 días que non hai clases”.