A Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Publico afirmou este mércores 11 de maio, no decurso da concentración celebrada diante
de Educación, que tanto a Consellaría como o Goberno galego deberían
tomar nota do maioritario rexeitamento do conxunto da comunidade escolar
á LOMCE e ás reválidas. Agradece o apoio maioritario das familias e
afirma que seguirá coas mobilizacións até a derrogación desta lei
antisocial, recentralizadora e discriminatoria.
Tamén a estudante Iria Figueroa, en representación da
Plataforma, subliñou que a resposta das familias amosa o rexeitamento da
comunidade educativa e da sociedade no se conxunto á LOMCE e ás
reválidas unha probas que “van en contra da igualdade de oportunidades
no ensino público”.
“Estamos moi satisfeitos polos datos de non
asistencia a estas probas que son innecesarias e estériles e que poñen
atrancos na vida dos noso fillos e fillas. É incríbel que haxa un
goberno que queira etiquetar a nenos e nenas destas idades”, indicou
Fernando Laccaci.
Anxo Louzao considerou que coa masiva
insubmisión das nais e pais “constátase que a LOMCE estase aplicando de
costas á sociedade” o que entende que obriga á súa paralización e
posterior derrogación. Ademais denunciou que estas probas parten dunha
concepción clasista e selectiva da educación; que contribúen a afondar
na división social e limitan o dereito á educación. “Pretende ser unha
maquinaria de selección social. Pedagoxicamente supoñen unha presión
innecesaria para o alumnado mediante probas que van avaliar
exclusivamente estándares uniformizadores, sen considerar a educación
como un proceso no que hai que ter en conta as circunstancias tanto
persoais como socioeconómicas da alumnado”. A isto engadiu que
“recentralizan o sistema educativo, na medida en que non ten cabida o
estudo e coñecemento de aspectos que nos conforman como pobo galego e
como persoas”.
Neste sentido Louzao lembrou que se limitan a
avaliar os aspectos científico- matemático e científico-tecnolóxico
desprezando competencias doutros ámbitos imprescindíbeis para a
formación integral do alumnado. “Desprezan a avaliación continua e a
opinión do equipo docente xogándose o alumnado todo a unha proba, sen
considerar a opinión e avaliación do seu profesorado”. A este respecto
denunciou que se “subestima” e “desconsidera” así o traballo do
profesorado xa que se condiciona o seu traballo á preparación das
reválidas, tendo que marxinar outros aspectos fundamentais para ter unha
formación máis completa. Ademais denunciou que pretenden conformar
rankings de centros segundo os resultados e afirmar o neoliberalismo na
escola introducindo valores competitivos, insolidarios e
individualistas.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
anunciou que continuará mobilizándose e loitando até que desaparezan as
reválidas e máis a LOMCE e agradece o esforzo e sacrificio que para as
familias supón non enviar aos seus fillos e fillas aos centros
escolares.