A Plataforma Galega
en Defensa do Ensino Público concentrouse esta mañá diante da consellaría de
Educación para exixir do goberno galego a inmediata paralización das reválidas
e a posterior derrogación da LOMCE, coincidindo coa primeira xornada na que se
desenvolvían estas probas en terceiro de Primaria. Unha xornada que a PGDEP considerou un “éxito
rotundo” dado que as familias de preto do 82% das alumnas e alumnos decidiron
non envialos aos centros para manifestar así o seu masivo rexeitamento a estas
probas.
En representación
da Plataforma Galega, Anxo Louzao, fixo un chamamento ao conselleiro para que
tome nota do “rexeitamento clamoroso”
Entre proclamas contra a LOMCE
Segundo os datos
cos que contaba a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra as
11:00 horas, a ausencia do alumnado mesmo superou a que se produciu os días 11,
12 e 13 para as reválidas de 6º de primaria. Diante disto, Anxo Louzao, considerou
que esta “é a evidencia máis palpábel do rexeitamento clamoroso que suscitan a
LOMCE e as reválidas”.
Neste sentido,
Fernando Lacaci, en representación das ANPAS de Compostela, abundou nesta
cuestión asegurando que as ANPAS tamén notaron un repunte “mesmo maior” e
constaron un rexeitamento “unánime” a estas probas.
Lacaci asegurou que
“isto desautoriza totalmente ao conselleiro, cando fala de manipulación das
familias”. A este respecto lembrou que máis do 80% das familias “non pertencen
a unha ideoloxía, a un partido político, non son seguidores dunha única
consigna. Cando falamos desas porcentaxes estamos falando dunha multiplicidade
enorme de persoas que están de acordo nunha única idea: a LOMCE é unha idea que
nin queremos, nin necesitamos”.
Louzao subliñou que
a consellaría de Educación debería “tomar nota” e “cesar no empeño de continuar
para adiante cunhas reválidas que nada aportan ao sistema educativo, que son
inútiles e que pretenden xerarquizar e discriminar socialmente ao alumnado máis
desfavorecido”.
Alertou ademais de
que estas probas son o prólogo das reválidas de 4º da ESO e 2º de Bacharelato,
que terán carácter eliminatorio e que poden impedir a parte do alumnado obter
os títulos correspondentes ou acceder á universidade. “Son probas que conducen
ao alumnado a entrar nunha competición e que converten os centros de ensino en
centros competitivos no canto de centros educativos”, denunciou.
A isto engadiu que
as reválidas provocan que se xerarquicen as materias, desprezando a unhas
fronte outras, o que “uniformiza o sistema educativo, deixando á marxe todo o
que nos conforma como pobo galego”, afirmou.
Louzao agradeceu ás
familias o esforzo realizado dadas as dificultades para deixar ás rapazas e
rapaces na casa polo medio da semana e concluíu reclamando da consellaría que
se recoñeza o “estrepitoso fracaso” e que non se poñan en marcha as reválidas de
ESO e Bacharelato. “De non facelo”, explicou o portavoz da PGDEP, “veremos que
os únicos que as van facer serán o conselleiro de educación e máis o presidente
do goberno, o señor Feixóo”.
Considerou ademais
que nin o goberno galego nin a máxima autoridade educativa poden seguir
dándolle as costas á comunidade escolar e á sociedade no seu conxunto e
demandoulles que se poñan á fronte das súas demandas e reclamen en Madrid a
derrogación definitiva da LOMCE.