Marcha a Santiago en contra da LOMCE o 28 de setembro


Santiago converteuse na mañá do sábado 28 de setembro no escenario dunha Marcha contra a LOMCE convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.Nesta nova mobilización participaron persoas chegadas de todo o país que fixeron ao redor de catro quilómetros a pé desde diferentes lugares da cidade para confluír finalmente na Praza de Pratería e reclamar que o Goberno retire a LOMCE porque é unha lei educativa “reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática,  e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores  sociais máis desfavorecidos  da sociedade”.
Os lugares desde os que saíron os/as participantes das catro marchas ao redor das dez e media da mañá foron a Ponte da Rocha, diante do CEIP Lamas de Abade, Rúa Boisaca (preto do Polígono do Tambre) e diante da residencia Monte do Gozo. Xa na Praza de Praterías representantes das distintas organizacións que forman parte da Plataforma deron lectura ao manifesto.



Participaron na lectura os representantes das diferentes organizacións que participan na Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. 



MANIFESTO DA PLATAFORMA

A Plataforma Galega do Ensino Público continúa mobilizándose contra a  LOMCE  para amosar o seu  total rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática,  e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores  sociais máis desfavorecidos  da sociedade. 

A LOMCE pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal que afonda nas diferenzas sociais, no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade. A LOMCE é recentralizadora e españolizadora, facilítalle ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización no noso idioma.

A LOMCE procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as reválidas e marxina aínda máis a nosa lingua. Impón  un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos, coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística.

Medidas como estas non só van repercutir negativamente no ensino público, senón que van fortalecer o ensino privado concertado que se verá favorecido coa creación de centros de excelencia, mediante a  selección do alumnado. Blíndanse os concertos económicos cos centros privados, mesmo con aqueles que segregan o alumnado por razón de sexo, malia existir sentenzas que ditaminan a súa ilegalidade.

A LOMCE reforza a confesionalidade e impide o ensino laico. O anteproxecto mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico, converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en Relixión.  No Bacharelato, a materia de Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2.

A LOMCE éprofundamente antidemocrático, que traslada o sistema de xestión empresarial ao ensino. Elimina o Consello Escolar como órgano de goberno e baléirao de todas as competencias. A dirección será elixida pola administración e terá plenos poderes para tomar unilateralmente decisións de transcendental importancia para os centros e para propor ou rexeitar o profesorado  que sexa proposto pola administración.

Liquida a igualdade de oportunidades ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría acceda aos estudos postobrigatorios e universitarios. É unha lei elitista, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en 4 de ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo  mediante itinerarios que  condena, prematuramente, o alumnado a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando  de maneira temperá  o seu futuro académico e laboral.

A LOMCE pretende crear, mediante os programas de calidade e especialización curricular, diferentes categorías de centros e atender, con máis recursos e medios, aqueles que mellor resultados acaden, previa selección do alumnado, no lugar de procurar que todos os centros conten cos recursos necesarios para que todos e todas, con independencia da súa procedencia social ou xeográfica, reciban unha  formación de calidade.

A LOMCE desautoriza, desconfía e xerarquiza o profesorado. É profundamente antipedagóxico, xa que a consecución da titulación do alumnado vai depender do resultado azaroso dunha única proba ao rematar o ensino obrigatorio e postobrigatorio. A isto hai que lle engadir a desvalorización da Formación Profesional e o desvío do alumnado cara a unha FP Básica, que nin sequera conduce á mínima titulación, baixo a escusa de favorecer a empregabilidade.

A LOMCE reflicte as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias do PP. Un anteproxecto de lei ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación que confirma os actuais concertos educativos, legaliza os centros que segregan alumnado por razón de sexo.

A LOMCE facilita a planificación escolar en función do ensino concertado, reproduce un sistema xerárquico e empresarial  para o funcionamento dos centros, impide o acceso das clases populares á educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e intregral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis.

Por todos estes motivos porque significa un retroceso de décadas e porque elimina a igualdade de oportunidades, volvendo a unha sociedade na que o valor das persoas está en función do que posúen e na que o futuro depende de onde e en que familia se nace, o ensino galego e a Plataforma Galega para a Defensa do Ensino Público  esixe a retirada deste anteproxecto e un ensino público galego, laico e democrático.