A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público presentou recurso contencioso administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en contra do Decreto de comedores

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público presentou recurso contencioso administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en contra do Decreto 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios. Para a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público a promulgación deste decreto e a súa aplicación supón, non só conculcar o dereito á educación, que é fundamental, senón tamén a obriga de escolarización de todo o alumnado até 16 anos. 


O Partido Popular, con esta nova regulamentación, conseguiu un rexeitamento de toda a comunidade escolar co que supón eliminar a gratuidade do comedor escolar ao alumnado transportado, incrementar os prezos nunha media de máis do 40% nos comedores xestionados directamente pola Consellaría de Educación. Pola contra a Consellaría de Educación non aproveitou a promulgación deste novo decreto para garantir a dotación de comedores escolares en todos os centros públicos, asumir a xestión directa con persoal específico dos mesmos, reafirmar a gratuidade do uso por parte do alumando xa beneficiario e estendela paulatinamente ao resto do alumnado. 

 Estamos ante unha actuación agresiva coas clases populares que son nas que recaen as consecuencias da crise actual e que se vén agora gravadas co cobro dunhas cantidades desorbitadas que chegan até 4,5 euros por comensal e que está provocando que haxa alumnado que non poida facer fronte as cantidades que lle corresponden. 

Trátase dunha medida que se suma aos continuos recortes que a Consellaría está a aplicar no ensino público mentres destina máis de 240 millóns de euros cada ano ao ensino privado concertado, incluídos os centros que segregan alumnado por razón de xénero. A desconsideración e a demolición do ensino público non se corresponde coa xenerosidade coa que se trata ao ensino privado concertado e a Conferencia Episcopal, xa que a Consellaría de Educación gasta máis en profesorado de relixión que no servizo de comedor escolar, servizo complementario fundamental, máis en momento de crise como o actual. 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ademais da presentación deste recurso continuará batallando para facer posible a oferta dun servizo público, como é o comedor escolar, en todos os centros educativos públicos xestionados pola Consellaría de Educación e con persoal propio, e que partindo da gratuidade de todo o alumnado transportado se vaia estendendo ao conxunto dos/as estudantes, como medida imprescindible para a garantir a igualdade de oportunidades e o un ensino ao servizo da maioría social. 

Santiago, 7 de novembro de 2013