A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público considera un acto de irresponsabilidade letal para o ensino público galego que o PP aprobe a LOMCE



A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público insistiu en rolda de prensa que a aprobación da LOMCE este xoves 28 de novembro supón un ataque letal ao ensino publico galego que, lonxe de garantir a igualdade de acceso á educación, pon en tea xuízo o dereito universal á mesma de toda a cidadanía.  .




A Plataforma considera un acto de irresponsabilidade que o PP aprobe esta lei e mantén que non ten futuro porque xa se conseguiu o compromiso dos grupos da oposición de derrogala cando se produza unha alternativa no Goberno central. A Plataforma continuará mobilizándose para conseguir paralizala e  ten previsto para o 18 de decembro un novo acto reivindicativo contra a LOMCE.

Baixo o lema “Rexeitemos a LOMCE o 28 de novembro” a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público tamén fixo un chamamento aos centros educativos para que  rexeiten a aprobación da LOMCE enviándolle ao conselleiro de Educación por correo electrónico un texto semellante ao seguinte: “Rexeitamos a aprobación da LOMCE porque supón unha agresión ao ensino público e ao dereito á educación” e organizando un acto simbólico no centro educativo o propio 28 de novembro facendo visible, con diferentes lemas, o rexeitamento á LOMCE

Para a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, a LOMCE non ten ningún aspecto positivo nin supón ningún avance con respecto ao actual sistema educativo senón todo o contrario. Con esta lei, as necesidade e carencias do ensino público galego agravaranse en lugar de resolverse. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que deu a rolda de prensa diante da Consellaría de Educación, lamentou a actitude que mantivo o conselleiro de Educación durante a tramitación da lei e que foi unha actitude de total vasalaxe e de dependencia absoluta do PP cando o que tiña que facer era  exercer como garante do ensino público galego de calidade. 


IMAXE DA ROLDA DE PRENSA


“A LOMCE impregna o sistema educativo da ideoloxía neoliberal que o PP tan ben sabe trasladar ao ensino, é clasista, reduce as cativas competencias que ten a Consellaría e imposibilita que o galego sexa a lingua vehicular no ensino -explicou Anxo Louzao, un dos membros da Plataforma que falou en representación do profesorado.  “Reforza a confesionalidade e avanza na privatización do ensino que  pon ao servizo da Conferencia Episcopal e da patronal da privada, á que a administración poderá ceder chan público para construír centros privados concertados”, engadiu .

“A LOMCE é un ataque aos dereitos fundamentais, non só daqueles que estamos directamente inmersos na educación como pais e nais, como estudantes ou como profesorado, senón da cidadanía no seu conxunto –advertiu Fernando Lacaci, en representación das familias e tamén integrante da Plataforma. “Pensar que se pode estudar por dereitos económicos ou que o dereito á formación pode depender do nacemento é algo moi triste. Por iso, imos continuar pelexando, a cidadanía vainos apoiar  e conseguiremos que desapareza”, engadiu.

“Ë unha lei que ataca directamente o estudantado  e que empeora a nosa situación nun momento no que precisabamos unha lei que reforzara o ensino publico. Estamos en contra e a nosa voz ten que seguir escoitándose”, dixo a estudante, tamén integrante da Plataforma, Mónica Martínez.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino,  Comités, Liga Estudantil Galega, Agir, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova,  Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público e Federación de ANPA de Ponteareas (FANPO).