A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público entregou 482 sinaturas de persoas ligadas á cultura galega que esixen a retirada da LOMCE

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público entregou este martes 18 de novembro no rexistro xeral da Xunta, en Santiago de Compostela, 482 sinaturas de persoas ligadas á cultura galega que, a través da adhesión ao manifesto Cultura galega contra a LOMCE, veñen de sumarse ao clamor popular que exixe a súa retirada. 


No acto de entrega participaron os escritores/as Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo, Suso de Toro, Rafa Villar, Marta Dacosta; a actriz Isabel Risco, os ilustradores Pepe Carreiro e Xosé Lois “O Carrabouxo”, os músicos Guillerme Ignacio (de Quempallou), Bieito Lobariñas (de Zurrumalla), Antón Castro (de Fuxan os Ventos), Rubén Fernández (de Alvariza); Marcos Maceira, presidente da A.C. “O Galo” e Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, ademais de representantes das doce organizacións que integran a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. 

“As persoas que estamos aquí estamos traballando para todos, axudando a parar esta lei”, explicou o escritor Suso de Toro que advertiu que, de aprobarse expulsará, moito alumnado do ensino e suporá un recorte democrático. “Estannos quitando o dereito a ter cultura, a ter lingua, o noso espazo, o dereito a sermos cidadáns e cidadás galegos”, indicou. O escritor Agustin Fernández Paz, docente xubilado, denunciou que con esta lei se pretende destruír todo o que se construíu nas últimas décadas pola galeguización do ensino.

 “A frustración que sente a nosa xeración é grande”, dixo para logo insistir na importancia de opoñérmonos a esta lei porque o ensino é fundamental para traballar pola normalización. O tamén escritor Xabier Docampo referiuse á LOMCE como “un paso atrás” que ten como obxectivo “impedir ser o que somos, galegos” e para iso lembrou o poema Penélope de Xosé María Díaz Catro, autor ao que se lle dedican as letras galegas este ano, para. 

Anxo Louzao, integrante da Plataforma, lembrou que as adhesión ao manifesto “Cultura galega contra a LOMCE” súmanse ás máis de 10.000 sinaturas contra a LOMCE recollidas entre o profesorado o curso pasado, ao éxito de dúas folgas secundadas de xeito maioritario no ensino público galego e a outras iniciativas como as resolucións aprobadas polos claustros e os consellos escolares ou a multitude de mobilizacións coas que se ten rexeitado a LOMCE. “Seguramente ningunha outra lei –dixo- tivo unha oposición tan unánime”.