Familias, alumnado e docentes claman en Compostela por un ensino público galego “con futuro, sen recortes, nin propaganda”
Miles de asistentes chegados de todo o territorio galego déronse cita esta mañá convocados pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
A Plataforma Galega en defensa do ensino público chama a toda a comunidade educativa a manifestarse contra os recortes o próximo 26 de outubro
A mobilización terá lugar en Compostela con saída ás 12 da Alameda e haberá servizo de autobuses desde distintas partes do país
A decisión vén motivada por un inicio de curso convulso, marcado polo contraste entre a propaganda da Consellaría e as protestas máis numerosas dos últimos anos protagonizadas polas ANPAs e polos centros educativos ante a falta de profesorado, sobre todo de especialistas para a atención á diversidade nos colexios de infantil e primaria, así como pola desatención absoluta ás demandas de alumnado e profesorado dos centros de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial. As organizacións convocantes queren pór de manifesto que a situación do ensino público non fixo máis que deteriorarse nos últimos anos con menos docentes (desmontando as cifras da Consellaría), máis materiais afíns e docentes compartidos por varios centros, menos especialistas para a atención á diversidade, máis burocracia e menos recursos públicos.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público súmase ao manifesto contra o delito de desordes públicas agravadas
Unha representación da Plataforma estivo presente na rolda de prensa na que diferentes colectivos alertaron do ataque aos dereitos democráticos e das liberdades públicas presente na reforma do código penal.
Sen ter que botar a ollada moi atrás, calquera pode lembrar accións reivindicativas promovidas por organizacións sindicais, plataformas cidadás ou asociacións nas que se teñen realizado actos de protesta que comportaban ocupación de espazos públicos ou privados, encadeamentos como forma de protesta ou cortes da vía pública.
O rexeitamento ás reválidas non decae despois de 5 anos
O boicot supera de novo o 80% nos centros públicos galegos
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público de Galiza (PGDEP) dá os parabéns as familias que fixeron un esforzo de conciliación e non enviaron masivamente hoxe aos centros ao alumnado.
Así mesmo, tamén agradece o apoio do profesorado e dos equipos directivos durante este boicot informando a comunidade educativa fronte á campaña de desmobilización da Consellaría de Educación.
Despois de cinco anos o rexeitamento á LOMCE e en concreto ás reválidas incluídas nesta lei volve ser practicamente unánime, aumentando o boicot a cifras superiores ao 80% de absentismo nestas probas, e moitas das familias que mandaron ás súas crianzas no día de hoxe foi pola imposibilidade de conciliar.
A comunidade educativa galega continúa sendo a avanzadilla contra esta norma.
O mantemento das reválidas por parte da Xunta de Galiza supón un gasto económico absolutamente innecesario que só beneficia a algunha empresa privada e para nada redunda nun beneficio para o sistema educativo galego, como si serían outras medidas como a recuperación do noso horario lectivo, ou a dotación de maior número de profesorado nos centros galegos para atender as necesidades educativas das nosas crianzas.
A Plataforma Galega insiste no boicot contra as reválidas de Primaria e ESO
Denuncia que o Partido Popular segue “R que R” cunha lei que ten os días contados.
A Plataforma anima a darlle continuidade ao éxito do boicot de cursos anteriores e a non baixar a garda na loita contra a LOMCE mentres o Partido Popular non asuma, como xa fan outras comunidades, o fin da mesma.
A loita contra as reválidas nestes cursos pasados causou como reacción un auténtico exercicio de cinismo por parte de Consellaría e chega este ano xa ao absurdo do “R que R”, posto que os resultados electorais da pasada fin de semana deixan claro o fin da LOMCE.
As reválida en 3º de primaria, fixada para os días 28 e 29 de maio, terá carácter censual polo que estaría chamado a facelo todo o estudando deste nivel. No caso das avaliacións finais de Primaria e a ESO, tamén nos días 28 e 29 de maio, terán un carácter mostral e neste momento descoñécese o número de centros propostos así como os supostos criterios para seleccionalos.
Non se entende por parte da Plataforma que a Consellaría siga a dilapidar cartos públicos na realización dunhas probas que non teñen ningún percorrido nin resultado de relevancia, ao tempo que os problemas que acusa a educación no noso país seguen lastrando toda posíbel recuperación, tanto no número de profesorado, como na resposta ás súas demandas ou na redución das rateos ou a mellora da atención á diversidade.
A Plataforma Galega fai unha defensa a ultranza da avaliación continua fronte ao modelo neoliberal, xerarquizante e clasista da LOMCE e defende unha educación integral na que non existan materias de primeiro e segundo nivel e onde o alumnado, especialmente aquel con necesidades específicas de apoio educativo, non sexa segregado nin estandarizado.
Xa son horas de avaliar a Consellaría.
A Plataforma Galega propón avaliar o funcionamento do propio sistema educativo en base ao diñeiro e recursos destinados á educación no marco dos orzamentos da Xunta, os cadros de persoal co que dota os centros públicos, os profesionais destinados á atención a diversidade, á obriga de impartir materias afíns, o agrupamento de alumnado de diferentes idades, a política de axudas para libros de texto e de material escolar, a xestión do transporte escolar ou ao pagamento polo uso do comedor escolar.
O resultado desta avaliación sería claro: un clamoroso suspenso para o goberno do Partido Popular en Galiza.
Faite do Ensino Público
A Plataforma Galega inicia unha campaña para promover a matrícula nos centros públicos.
Co lema “Faite do ensino público” chaman a apostar pola rede pública como mellor ferramenta de equidade e cohesión social.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público inicia unha campaña social de fomento das matriculacións nos centros educativos públicos do país coincidindo co período ordinario de novas matrículas, que correrá entre o 1 e o 20 do mes de marzo. A campaña, baixo o lema “FAITE DO ENSINO PÚBLICO”centrarase nos propios centros educativos, nas ANPAs e no tecido asociativo do país. A Plataforma chama igualmente aos concellos a sensibilizar a pais e nais das vantaxes que ofrece o ensino público e a promover un ensino público e de calidade, ao tempo que critica que a propia Xunta de Galiza non execute ningunha campaña neste sentido cando estamos a falar de centros de titularidade da propia administración autonómica.
Confírmase o éxito do boicot ás reválidas: máis dun 80% en 6º de Primaria e un 96% en 4º da ESOsecundan a protesta convocada pola Plataforma Galega
A resposta ten maior relevancia dada a decisión da Consellaría de estender a un 130% mais de centros a proba nestes cursos, deturpando o suposto carácter mostral da probas que a propia Consellaría vende.
A chamada daPlataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que forma parte a CIG-Ensino, animandoa non baixar a garda ante a convocatoria das reválidas impostas pola LOMCE en 450 centros galegos entre hoxe e mañá, tivo unha resposta case unánime por parte das familias.
A Plataforma Galega anima a manter esta semana o boicot das reválidas en 6º de Primaria e 4º da ESO
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público de Galiza (PGDEP) lembra que o rexeitamento a estas probas en Galiza é o máis elevado do Estado.
Após o enorme éxito a semana pasada con máis do 80% de absentismo nos centros galegos para as probas de 3º de Primaria, mañá está prevista a súa realización en 6º de Primaria e 4º da ESO. Malia que inicialmente estas reválidas teñen carácter mostral, a Consellaría incrementou considerabelmente o número de centros até os 450, 160 de Secundaria o que supón a metade dos que imparten estes estudosen Galiza.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chama ao boicot contra as reválidas de primaria e ESO
Animan a dar continuidade ao éxito do boicot de cursos anteriores e a non baixar a garda na loita contra a LOMCE e o control político neoliberal da educación.
Representantes da Plataforma Galega en Defenda do Ensino Público (PGEDEP) presentaron en rolda de prensa a campaña de boicot contra as denominadas oficialmente como avaliacións individuais e finais impostas unilateralmente polo Partido Popular na LOMCE.
Desde a Plataforma incidiuse en que foi a loita e a resposta social contra a LOMCE durante estes últimos cinco anos a que provocou que a dereita dera marcha atrás na consolidación do carácter académico e vinculante para a titulación das reválidas. Sen embargo, alertaron de que esa marcha atrás non é definitiva e que é preciso seguir mobilizándose para botar abaixo a LOMCE e, en particular, as reválidas.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denuncia o desleixo da Consellaría na xestión educativa ordinaria
A Plataforma cita dous exemplos recentes: o envío de ordenadores aos centros sen un sistema que permita cargalos, e o transporte escolar, que está deixando de ser un servizo educativo para supeditarse á conveniencia económica das empresas do sector.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) vén de denunciar a pasividade da Consellaría de Educación na súa obriga de xestión ordinaria dos centros educativos. Por un lado, pon de manifesto a situación esperpéntica que se vén de producir co envío de material informático para o seu uso dentro dos proxectos Abalar e Edixgal.
Rotundo rexeitamento ao peche de centros na manifestación da Plataforma Galega
A
Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público manifestouse esta mañá,
xunto con nais, pais, alumnado e profesorado dos centros afectados,
contra o peche de centros docentes e a redución do profesorado que
pretende acometer a Consellaría de Educación no remate do presente curso
escolar.
Máis do 80% das familias decidiron non enviar aos seus fillos e fillas aos centros de ensino a realizar a reválida de 3º
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público valora moi positivamente o
resultado do boicot ás reválidas que
empezaron este martes 30 de maio en 3º de Primaria. Segundo os datos da
Plataforma Galega máis do 80% das familias decidiron non enviar aos seus fillos e fillas a facer estas probas. Incluso
houbo centros nos que non foi ningún alumnado. Desde a Plataforma Galega
agradecemos ás familias o esforzo realizado para volver a evidenciar a súa
oposición á LOMCE, con todas o sacrificio que lles supón non poder enviar
durante dous días aos seus fillos e fillas aos centros educativos.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fai un chamamento a boicotear a reválida de 3º de Primaria, prevista para o 30 e o 31 de maio
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
fixo esta mañá, en rolda de prensa, un novo chamamento ás nais e pais para que
non envíen ás súas fillas e fillos a realizar a reválida de 3º de Primaria,
prevista para o martes 30 e o mércores 31 de maio. O seu portavoz, Anxo Louzao,
denunciou a “obstinación” da consellaría, que malia o rexeitamento xeneralizado
da comunidade escolar, segue mantendo estas probas e negándose a escoitar o
clamor do profesorado, das familias e do propio alumnado contra a LOMCE e
contra as probas que dela emanan.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público valora moi positivamente o masivo seguimento da folga
O
ensino público en Galiza foi hoxe á folga contra a LOMCE e os recortes en
educación, cun seguimento que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
valorou moi positivamente e que cuantificou, á saída da manifestación de
Compostela, en preto do 90%. “As aulas quedaron baleiras” asegurou o seu
portavoz, Anxo Louzao, quen considerou que “esta ten que ser a acta definitiva
de defunción da LOMCE, das reválidas e dos recortes que desde 2010 leva sufrido
o ensino público en Galiza”.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca folga en todos os niveis educativos de Galiza para o día 9 de marzo
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público convoca folga en todos os niveis educativos de Galiza para o día 9 de
marzo. “A Plataforma Galega en Defensa
do Ensino Público pretende con esta folga asestar un golpe mortal e definitivo
á LOMCE e aos recortes no ensino público para restituír os dereitos laborais e
salariais do profesorado e mellorar a calidade do ensino mediante una Lei
Galega de Educación”, explica o seu portavoz Anxo Louzao .
A PGDEP volveuse mobilizar o 16 de febreiro para exixir a derrogación da LOMCE e unha nova lei que teña en conta as necesidades do sistema educativo
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que apoiou a folga e
as manifestacións convocadas pola organización estudantil ERGUER,
celebrou a última hora da tarde do 16 de febreiro concentracións nas sete cidades e en
vilas como Cangas, Cee, Carballo ou Vilagarcía. Toda unha serie de
mobilizacións coas que exixiu a inmediata derrogación da LOMCE e a
apertura dun diálogo con toda a comunidade educativa para elaborar unha
nova lei que teña en conta as necesidades do sistema educativo.
O alumnado de secundaria e das universidades galegas irá á folga o 16 de febreiro
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público vén de manifestar o seu apoio á folga convocada para o vindeiro
xoves día 16 de febreiro polo estudantado contra a LOMCE, a implantación
do decreto 3+2 na universidade, os recortes no ensino público, e en
demanda dunha Lei Galega de Educación. No decurso desa xornada están
convocadas 23 mobilizacións nas sete cidades e en numerosas vilas
galegas ás 12:00 horas por ERGUER e ás 19:00 h pola PGDEP.
Subscrever:
Mensagens (Atom)












